Ourense | A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia considera intolerábel a actitude de Democracia Ourensana, que vén de comunicar á Axencia EFE que non será benvida nas súas convocatorias de prensa se continúan a enviar a cubrilas a Lorena R. de la Torre. O Colexio transmítelle á xornalista a súa solidariedade e reclama ao partido que desista deste ataque á liberdade de prensa e á democracia.
“Nunha deriva inaceptábel, os vetos a medios e xornalistas están a producirse cada vez máis na nosa sociedade, e cómpre pór fin dunha vez por todas a estes atentados á democracia. Como xa manifestamos noutras ocasións, as e os xornalistas non están para que as organizacións comuniquen da maneira que máis lles agrade, senón para garantir o dereito da cidadanía a informarse polo medio de comunicación que considere adecuado, guste ou non aos protagonistas da información. Os e as profesionais que acoden ás conferencias de prensa son, pois, intermediarios da liberdade de información e do pluralismo informativo, e calquera exclusión a eles é un ataque a estos dereitos”, explica nun comunicado a xunta de goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
O comunicado engade o seguinte: “Neste caso, a situación é aínda máis grave polo sinalamento e acoso que se fai a unha profesional en concreto, cunha clara intención de pór en perigo a súa situación laboral. Non é a primeira ocasión na que desde Democracia Ourensana se atacan a medios ou xornalistas, mais a actitude contra profesionais vén seguindo unha escalada completamente inaceptábel. Perante as acusacións inxuriosas que o partido político dirixe contra ela, o conxunto da profesión non pode senón apoiar a Lorena R. de la Torre. Non é un asunto que a afecte só a ela, senón que o seu traballo representa o de todas e todos os xornalistas, que só resultando incómodos poden cumprir realmente o seu labor”.
Por todo isto, o Colexio de Xornalistas quere manifestar a súa solidariedade con Lorena R. de la Torre e trasladarlle o ánimo de toda a profesión xornalística galega. Así mesmo, esixe a Democracia Ourense que cese dunha vez de atacar a liberdade de prensa e garanta o acceso de todos os medios de comunicación, e de todos os e as profesionais, a calquera convocatoria de prensa.