Ourense | O Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar outorgou un recoñecemento ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia polo seu labor pondo en marcha a iniciativa ‘Aprendamos a ler a información’, o programa de charlas patrocinado pola Fundación “la Caixa”, no que escritores e xornalistas achegaron ás internas do módulo de mulleres conceptos básicos sobre o papel da información e os medios de comunicación, co obxectivo de ayudar á reinserción. A entrega da mención do centro penitenciario realizouse no cadro das celebracións do día da Mercé, patroa de Institucións Penitenciarias.
O galardón, consistente nun diploma e unha figura conmemorativa, foi entregado por Eva Regueiro Rodríguez, fiscal xefa de Ourense, e recolleuno Javier Fraiz, xornalista ourensán participante na iniciativa. Desde a organización destacouse a aproximación a “conceptos básicos que todo cidadán ou cidadá debería coñecer” sobre comunicación e o valor de facelo “ante un segmento de poboación ao que probabelmente non sexa fácil que cheguen experiencias” como a de coñecer a autores e autoras recoñecidos polos seus libros e artigos.
Na prisión de referencia na provincia de Ourense, están privadas de liberdade un total de 287 persoas na actualidade, das que 21 son mulleres, que conviven nun módulo do recinto. O programa Aprendamos a ler a información, desenvolveu neste centro entre decembro de 2022 e xuño de 2023, coa participación de distintos xornalistas e escritores.
O apoio da Fundación “la Caixa” ven dado pola súa inquedanza nos temas de índole social, tal e como recollen os seus obxectivos fundacionais, polo que este marco de colaboración co Colexio de Xornalistas atende á necesidade de dar oportunidades ás que persoas en risco de exclusión.
Javier Fraiz, Manuel de Lorenzo, Ana Cermeño, Fernanda Tabarés, Manuel Vázquez Sola, María Pardo, Sechu Pastoriza, Monchi Sánchez e Francisco X. González Sarria foron os e as xornalistas participantes na iniciativa, que abordaron distintas perspectivas, xéneros e contidos xornalísticos, ofrecendo á poboación reclusa de Pereiro de Aguiar unha oportunidade para formarse no mundo da comunicación.
A identificación das loiadas e noticias falsas, as diferenzas entre xornalismo e literatura, as maneiras de evitar o sensacionalismo, a busca de fontes para informarse ou os pormenores do xornalismo xudicial ou de sucesos foron algúns dos temas tratados ao longo de seis meses. Na foto o xornalista Javier Fraiz recolle o recoñecemento de mans da fiscal xefa de Ourense, Eva Regueiro.