Ames | As obras de mellora da contorna da ponte romana sita no núcleo de Aguapesada iniciáronse o pasado luns 4 de outubro. O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, achegouse a Aguapesada para presenciar o inicio dos traballos de acondicionamento desta ponte situada no Camiño de Santiago (Fisterra-Muxía). As actuacións de mellora están subvencionadas pola Axencia de Turismo de Galicia.
“A Axencia de Turismo de Galicia concedeu unha subvención de 15000 €, sobre un 55% do total de 27.225€ de investimento”
A área de turismo do Concello de Ames solicitou unha axuda para a mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopan no Camiño de Santiago, concretamente para o acondicionamento da contorna da ponte romana de Aguapesada. Con este fin a Axencia de Turismo de Galicia concedeu unha subvención de 15000 €, sobre un 55% do total de 27.225€ de investimento.
A ponte de Aguapesada está situada no antigo Camiño real de Santiago a Fisterra. É unha ponte de cantería con arco de medio punto que conta coa catalogación de ben de protección integral (BIC). Ao lado da ponte sitúase un muíño de rodicio movido pola agua do Rego dos Pasos e tamén catalogado como BIC. A ponte e a zona que a rodea sufriron unha restauración hai uns anos pero actualmente tanto a ponte como a zona de descanso atópanse nun evidente estado de deterioro.
As actuacións consisten no acondicionamento do terreo para levar o rego ao leito orixinal e que o mesmo atravese o arco central da ponte o que implica o retranqueo dun muro de pedra. Ademais reconstruirase o pavimento, vaise instalar un banco de granito e unha limpeza xeral da ponte.
As obras iniciadas o pasado luns 4 de outubro están a ser executadas pola empresa Excavaciones Pose S.L. O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, acompañado da Técnica de Turismo, Sonia Moure e da Técnica da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, e o responsable do CIA, Esteban De la Fuente, achegáronse ao núcleo de Aguapesada para presenciar o inicio dos traballos de mellora da zona.
O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, destacou a importancia da ponte de Augapesada xa que ” é un punto de referencia do Camiño de Fisterra e que está cheo de historia, xa que aquí foi onde se xuntaron as tropas señoriais o 13 de Xuño 1471 para combater ao exercito de Fonseca II, Arzebispo de Santiago, na batalla de Altamira, así como un punto para tomar folgos antes de acometer a subida de mar de ovellas”.
Campaña Merc@ames para o comercio local
As tarxetas Bono-Reactiva Ames que a concellaría de Promoción Económica puxo en circulación o 15 de setembro utilizáronse en 189 establecementos de Ames, xerando unha media de 616 euros de negocio en cada un deles. Até o momento gastáronse 116.478 euros, o que supón máis do 90% dos cartos postos en circulación a través desta campaña.
“Até o momento gastáronse 116.478 euros, o que supón máis do 90% dos cartos postos en circulación a través desta campaña”
Quedan por gastar 11.182 euros que os/as posuidores/as das tarxetas poderán empregar até o 15 de novembro. Mañá poñeranse á venda 238 tarxetas-bono nunha carpa instalada na Praza da Maía de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 19:30 horas.
A tarxeta-bono Reactiva Ames é unha tarxeta prepago a través da cal o Concello de Ames pon ao dispor das persoas beneficiarias unha axuda do 40% do valor da mesma. Unha media de preto de 200 operacións diarias e case catro mil euros invertidos ao día a través das tarxetas merc@mes, este é o balance da campaña das tarxetas Bono-Reactiva Ames que a concellaría de Promoción Económica puxo en marcha co obxectivo de contribuír á promoción do comercio local despois da crise motivada pola COVID19. En total vendéronse 2.584 tarxetas o que supón un importe neto de 127.660 euros.
Cómpre salientar que o récord de vendas produciuse o día 1 de outubro en que os clientes gastaron no comercio local 7 589 euros en 251 establecementos. A esta cifra hai engadirlle cinco xornadas en que se superaron os 6.000 euros de vendas. Os pequenos establecementos de comercio, coma tendas de deporte ou librarías, seguidos dos restaurantes acumulan as maiores cifras de facturación.
A campaña Merc@mes, témolo todo! Puxo á venda 2800 tarxetas, 1000 de 50 euros e 1800 de 100 euros. Quedan por vender 64 tarxetas de 50 euros e 174 tarxetas de 100 euros. Mañá poñeranse á venda as tarxetas-bono nunha carpa instalada na Praza da Maía de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 19:30 horas.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, destacou o éxito desta segunda fase da campaña xa que das 2800 tarxetas-bono postas á venda o pasado 15 de setembro quedan menos de 300. E engadiu “as tarxetas estanse gastando en distintos sectores e eso quere dicir que se está axudando un pouco a todos eles. É de agradecer a implicación nesta campaña das tres asociacións de comerciantes e empresarios do municipio e da veciñanza amesá”.