A Coruña | A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá que o Concello habilitará nos próximos días un carril específico para corredoras e corredores desde a Fonte dos Surfistas ata As Escravas. A nova senda instalarase sobre as vías do tranvía, a carón do xardín, cun asfalto resistente á erosión do mar
e específico para correr.
“Seguimos traballando no cambio de modelo da mobilidade na nosa cidade”,asegurou Rey, quen lembrou a “declaración de Cidade 30 que se asinou esta semana, así como todas as melloras na mobilidade peonil da Coruña nos últimos meses” e que “o Goberno local está traballando no regulamento dos VMP”.
A rexedora explicou que “o obxectivo é desconxestionar o carril bici e o Paseo Marítimo” e, matizou, “polo de agora manterase o carril provisional” que se habilitou para facilitar a mobilidade peonil durante a desescalada.
A próxima semana, a Área de Infraestruturas comezará a instalar esta nova senda, unha acción que se enmarca dentro do plan de renovación do Paseo Marítimo. Ademais, a alcaldesa lembrou que “o proxecto de rexeneración do Paseo entre o Castelo de San Antón e Durmideiras, que xa se está redactando e que se licitará este ano, tamén contará cun carril específico para correr”.
Dese o Concello explican que a creación deste carril non implica a eliminación da infraestrutura do tranvía, senón que esta se tapará para que este espazo poida ser aproveitado pola veciñanza e para evitar problemas de seguridade, unha iniciativa que estará en activo, polo menos, ata que haxa unha decisión acordada sobre a utilidade e a rendibilidade das vías do tranvía.