A Guarda | O mes de abril, que está a piques de comezar, é un dos meses máis destacados dentro da cultura e da literatura con dúas celebracións importantes como son o Día do Libro Infantil e Xuvenil, o 2 de abril, e o Día Internacional do Libro, o día 23.
Con motivo destas celebracións, o Concello da Guarda adicaralle ao libro diversas actividades durante todo o mes, encadradas na campaña “Abril Mes do Libro” que acollerá a Biblioteca Municipal da Guarda. A primeira iniciativa terá lugar esta fin de semana cunha nova cita dos Contos Contados para celebrar o Día do Libro Infantil e Xuvenil, con “Contos de Andersen”. Ademais tamén contará cun posterior obradoiro chamado “O meu libro favorito”, onde se fará un mural utilizando o enxeño e a pintura.
A segunda das actividades da campaña é o “Certame de Microrrelatos”, que está aberto a toda a cidadanía sen límite de idade. Os traballos poden presentarse, do 1 ao 18 de abril, tanto no Departamento de Cultura do Concello de 9 a 14 horas, como na Biblioteca Municipal das 17 a 20 horas ou sábados de 11 a 13 horas.
Os libros tamén serán protagonistas da Semana Santa coa iniciativa “Mochilas viaxeiras de Semana Santa”. E xa nas xornadas previas á celebración do Día Internacional do Libro temos 3 citas coa literatura e a cultura por esta data. O venres 21 de abril o cinema volve ao Centro Cultural, ás 21 horas coa proxección do filme “Al encuentro de Mr. Banks”. E a campaña polo mes do libro remata o sábado día 22, con dúas actividades no Centro Cultural. Pola mañá volven os Contos Contados polo Día Internacional do Libro co espectáculo “As historias de Kamishibai”. E por último, ás 17’30 horas, proxectarase unha nova película relacionada co mundo da literatura: ‘Cenicienta’.
Coa campaña “Abril Mes do Libro” a concellería de Cultura e a Biblioteca Municipal da Guarda buscan celebrar dúas datas tan sinaladas, como son o Día do Libro e o Día do Libro Infantil e Xuvenil, e tamén aproveitar esta ocasión para promover o hábito da lectura entre os guardeses e guardesas de tódalas idades.