A Coruña | O concello deu un paso máis na súa aposta polo deporte inclusivo e os/as atletas con discapacidade sensorial, funcional e intelectual poderán participar na carreira popular C10 que se realizará o próximo 6 de outubro. Súmanse á categoría xa existente de atletas en cadeiras de rodas homologadas e, por primeira vez, tamén se lles aplicarán as mesmas categorías ás carreiras de menores.
A concellería busca potenciar a participación e contribuír desta maneira á práctica deportiva a todos os niveis, así como fomentar a sensibilización, o coñecemento e o respecto á diferenza. Desde Deportes insisten en sinalar que “running non é só correr; o deporte inclusivo é socialización, integración e motivación”.
Organizada polo concello e a Federación Galega de Atletismo, a máis soada das carreiras da cidade, percorrerá un circuíto urbano de 10 km practicamente chairo e por asfalto na súa totalidade. Terá a súa saída na avenida da Habana e a meta estará no Paseo Marítimo, á altura do Palacio dos Deportes de Riazor.
As inscricións xa se poden realizar en liña a través desta páxina cunha cota de 5 euros ata o día 22 de setembro, e de 8 euros ata as 23.59 h do 25 de setembro.
As persoas participantes que queiran realizar a súa inscrición fisicamente poderán facelo ata o 14 de setembro no departamento de deportes de El Corte Inglés cubrindo unha folla de inscrición e aboando a cota de 5 euros. Para as categorías de menores a inscrición é gratuíta e só teñen que cubrir o formulario en liña en El Corte Inglés.
Os dorsais e as camisetas poderanse recoller no departamento de Deportes de El Corte Inglés de Ramón y Cajal, o venres 4 de outubro, de 17.00 a 22.00 horas, e o sábado 5 de outubro, de 10.00 a 21.30 horas.
De maneira extraordinaria, facilitarase a recollida dos dorsais o mesmo día da carreira, o domingo 6 de outubro na Cidade Deportiva de Riazor, de 8:30 a 9:30 horas.
A organización establece catro categorías para as/os atletas con discapacidade:
A) Atletas en cadeiras de rodas que non teñan mecanismos nin engrenaxes que lles axuden a impulsarse. Tan só está permitido o impulso cos brazos sobre o aro adherido á roda. Non se permiten as bicicletas de man ou handbike.
B) Discapacidades funcionais (persoas con discapacidade física, parálise cerebral e lesión cerebral)
C) Discapacidades sensoriais (persoas con cegueira, xordeira…)
D) Discapacidades intelectuais