As Neves | Dende principio desta semana, estudantes en prácticas ou que obtiveron o seu título recentemente comezaron a traballar nas instalacións do Concello.
Coa financiación da Deputación de Pontevedra e a través do ‘Plan O Teu Primeiro Emprego’, unha Traballadora Social e un Enxeñeiro Técnico Agrícola iniciaron cadanseu contrato cunha duración de seis meses, prorrogables ata un ano.
A solicitude dos postos realizouse tendo en conta as necesidades actuais e de futuro. Na actual situación, a Traballadora Social será imprescindible para colaborar no departamento de Servizos Sociais nas tarefas de atención ás necesidades derivadas da Covid-19.
Pola súa banda, o Enxeñeiro Técnico Agrícola vai reforzar o departamento de Urbanismo e do Medio para avanzar nos traballos relacionados cos expedientes de xestión de biomasa, o Convenio con SEAGA para a xestión de franxas de protección contra incendios, a Aldea Modelo e outros proxectos que teñen que ver co desenvolvemento rural.
Alumnado en prácticas do IES Pazo da Mercé tamén desenvolverá prácticas no Concello con funcións de colaboración na prevención da Covid-19 e na atención aos veciños e veciñas que precisen realizar xestións nas oficinas da Casa Consistorial.