Bueu | O Concello de Bueu abre o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas económicas das obras de humanización da rúa A Pedra, cuxo orzamento ascende a 416.108,59 €. A actuación realizarase integramente con cargo ao Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (Plan Depo-Remse) da Deputación de Pontevedra. As ofertas poderán presentarse por vía electrónica ata o 11 de xuño ás 23.59 h.
Esta rúa soporta un alto grao de mobilidade diaria xa que na súa contorna se ubican moitos centros de elevada atracción: o propio CEIP Plurilingüe A Pedra, os dous institutos (Johán Carballeira e Illa de Ons), o centro de saúde e o Pavillón Municipal Pablo Herbello. Isto xera unha gran cantidade de tráfico rodado e peonil nunha rúa cunha estrutura insuficiente para garantir unhas condicións de seguridade viaria e de accesibilidade universal.
Esta reurbanización implicará, pois, a renovación completa da rúa e o levantado de toda a pavimentación, aproveitando para facer unha actualización e modificación das redes de abastecemento e saneamento existentes. Mellórase o acceso e circulación de persoas con mobilidade reducida e auméntanse os anchos das beirarrúas, suprimindo tamén as barreiras arquitectónicas e implementando a sinalización tanto horizontal como vertical. Completarase a actuación coa instalación de mobiliario urbano e arborado. Con iso, o goberno local pretende priorizar o uso do espazo público por parte de toda a cidadanía e lograr un maior ordenamento e mobilidade.
Toda a información pode verse na Plataforma de Contratación do Estado.