Carballo | O Concello de Carballo está a equipar a diferentes servizos municipais con kits de emerxencia para actuar no caso de picaduras de avespa asiática. Os tractores municipais que realizan os labores de roza, os vehículos da Policía Local, Protección Civil ou Brigada Municipal de Obras e instalacións como o cemiterio municipal ou o Horto Infantil Ecolóxico contarán entre o seu equipamento, un ano máis, cunha dose de adrenalina inxectable en xiringa precargada e un aerosol contra velutinas. O obxectivo é aumentar a protección dos/as traballadores/as, así coma facilitar o traballo dos servizos de seguridade no caso de que se atopen no seu labor diario cunha emerxencia relacionada con picaduras de avespas.
O kit de adrenalina utilizarase no caso de que algunha persoa sufra un shock anafiláctico coma consecuencia da picadura dunha avespa. Para que o persoal dos distintos servizos saiba como e cando utilizalo, hoxe recibiron unha sesión formativa por parte de Isidro Rodríguez, de Plaguiber, e da farmacéutica Irene Baña. Á charla tamén asistiron os concelleiros Luis Lamas e Juan Seoane, ademais do alcalde, Evencio Ferrero, que insistiron na necesidade e no compromiso do Concello de Carballo de dedicar todos os medios posibles á loita contra a praga da velutina.
O kit, que se entregou nunha bolsa isotérmica, inclúe un “bolígrafo” de adrenalina e un aerosol
Desde o servizo municipal de control de pragas insístese unha vez máis na conveniencia de extremar as medidas de precaución, sobre todo por parte das persoas que traballan nos sectores forestal e/ou agrario, xa que todos os anos se dan casos de picaduras. Unha das causas é que as avespas cambiaron os seus hábitos e agora fan niños en lugares moito máis preto do chan e mesmo insospeitados, coma unha pedra ou un pé de millo, polo que é máis posible invadir o seu territorio e que respondan cun ataque.
Por iso hai varios consellos que é convinte seguir:
Antes de empezar a traballar, realizar un recoñecemento da parcela para comprobar que non existen niños. É frecuente que aparezan entre as silveiras.
Se atopas un niño de velutina non te achegues nin lle toques, porque se sentirán atacadas. Chama ao 012 ou ao 112 para que acudamos a retiralo.
No caso dun ataque fuxe o máis rápido posible e intenta refuxiarte nalgún lugar pechado coma o coche, protexe a cara e a parte de atrás do pescozo (teñen tendencia a picar nesa parte do corpo) e non fagas movementos bruscos. Se a atacada é outra persoa non te achegues, chama rapidamente ao 112. E se es alérxico procura levar sempre contigo a medicación precisa.