Carballo | Despois da excelente aceptación que tiveron o ano pasado, cun total de 280 participantes da práctica totalidade das parroquias, e da demanda que segue existindo, o Concello de Carballo pon en marcha unha segunda edición dos cursos para aprender a usar os teléfonos móbiles, para os que contamos de novo coa colaboración da Asemblea Local da Cruz Vermella. Para intentar chegar a todo o territorio e ao maior número de interesados/as posible, nos últimos días enviáronse cartas informativas aos consellos parroquiais pedindo a súa colaboración na difusión da iniciativa, coa que pretendemos familiarizar ás persoas maiores, sobre todo, coas novas tecnoloxías de uso cotiá.
As persoas interesadas en participar nos cursos de manexo dos teléfonos móbiles poden inscribirse ata o 31 deste mes cumprimentando a ficha que pode descargarse ao final desta nova, e que tamén está dispoñible na Casa do Concello, nos centros sociais das parroquias e na sede da Cruz Vermella.
En función do número e o lugar de residencia dos veciños e veciñas inscritos elaborarase, en coordinación coa Cruz Vermella, o calendario dos cursos en cada centro social. En cada grupo poderán participar 15 persoas, dado que se trata dunha formación moi personalizada, e, como o ano pasado, impartiranse 3 sesións de dúas horas de duración cada unha.
Centros sociais máis dinámicos
Distintas concellarías están a coordinar esforzos e recursos para contribuír a dotar de actividade os centros sociais e reforzar o importante labor que desenvolve o movemento asociativo, que asume a xestión dos locais e a súa dinamización con todo tipo de actividades. Dende o Concello de Carballo tratamos de responder ás demandas das propias entidades e dos consellos parroquiais.
Nese sentido, ademais dos cursos para aprender a usar os teléfonos móbiles ou de actividades xa moi consolidadas como o programa de exercicio físico para maiores, nos últimos anos vimos ofrecendo á poboación outro tipo de recursos culturais, formativos e de ocio como as sesións de baile ou o ciclo de actuacións Teatro en Ruta.
Este ano, a maiores, o Conservatorio Municipal de Música realizará un ciclo de concertos nos centros sociais das parroquias e no auditorio do Pazo da Cultura para conmemorar o seu 30º aniversario, e ademais ofrecemos aos veciños e veciñas interesados a posibilidade de asistir a cursos de primeiros auxilios e autoprotección, destinados sobre todo a persoas maiores e impartidos por Protección Civil, e a charlas sobre seguridade viaria a cargo da Policía Local. O obxectivo é poñer en marcha iniciativas que contribúan a encher o tempo de ocio da veciñanza das parroquias, sobre todo da de máis idade, pero tamén a dotala de ferramentas cada vez máis necesarias para a vida diaria.