Chantada | O Entroido no Concello de Chantada comezou o domingo 16 de febreiro, Domingo Lambedoiro. Xornada na que se abre un dos entroidos máis tradicionais da Ribeira Sacra, o Entroido Ribeirao que se celebrou en Santiago de Arriba cun desfile polas rúas de Chantada da Xuntanza de Entroidos que organizan e que este ano trouxo a: Entroido de Viana do Bolo, Farrumecos de Sobradelo, Oso de Salcedo, Troteiros de Bande.
O Entroido Ribeirao, de especial interese polo seu carácter etnográfico, continuará coas representacións no Domingo Corredoiro, o Domingo de Entroido e o 4 de marzo, Martes de Entroido.
Como en anos anteriores será o Entroido Ribeirao, co que colabora o Concello de Chantada, o que abra o Desfile de Comparsas que o concello organiza o 1 de marzo, e que comezará ás 18:00h na avenida de Lugo, á altura da DomusVi.
As bases da celebración que se poden consultar na web do Concello de Chantada recollen dúas categorías: Comparsas adultos para aqueles grupos formados por máis de 15 persoas e Comparsas infantil, grupos de máis de 15 persoas formados integramente por menores de 14 anos, ou que máis dun 70 % dos seus membros sexan menores desta idade. Nas dúas categorías establécense os seguintes premios: 1º Premio: 700,00 €. 2º Premio: 500,00 €. 3º Premio: 300,00 €.
Este ano ademais inclúense novos premios locais, que serán compatibles cos anteriores e que repartirán as seguintes cantidades tanto nas Comparsas de adultos locais como nas de infantil locais: 1º Premio: 500,00 €. 2º Premio: 300,00 €. 3º Premio: 200,00 €
Para incentivar a participación entregaranse 100,00€ a cada comparsa de máis de 15 integrantes. Esta axuda daráselle a un máximo de 10 comparsas, de superar esta cantidade priorizarase a orde de inscrición. Así desde o Concello de Chantada destínanse a este desfile 6.000€, 5.000€ en premios e 1.000 € en axudas. Ao final do desfile contarase coa actuación da orquestra A Travesía.
As persoas e grupos interesados en participar poden inscribirse no Rexistro do Concello ou no teléfono 982 440 011. Tal e como se publica nas bases do BOP, o prazo de inscrición estará aberto ata o 26 de febreiro, presentando: Solicitude asinada polo participante ou representante legal e fotocopia do DNI do solicitante e no seu caso do CIF. O xoves, día 27 de febreiro, ás 20:00h celebrarase unha reunión de obrigada asistencia na Casa da Cultura na que participará un representante de cada comparsa. Achegarase ademais o audio, de non máis de tres minutos, que se reproducirá durante o desfile. Esta reunión servirá para aclarar dúbidas e precisar o lugar que cada quen ocupará no desfile.
O xurado valorará de 1 a 10 cuestións como o vestiario e orixinalidade dos disfraces, a posta en escena durante o desfile, a simpatía e a graza dos participantes, a orixinalidade da carroza ou plataforma, o título da comparsa ou grupo e a actuación final diante do palco.