Ponteareas | O Concello de Ponteareas levou a cabo hoxe o reparto de bolsas para pan para difundir a figura de Carlos Casares, homenaxeado co Día das Letras Galegas, entre a poboación, en colaboración coas panaderías de Ponteareas, que repartirán durante esta semana 6.000 bolsas conmemorativas, tentando chegar así a un amplísimo sector da cidadanía.
Esta iniciativa da Concellería de Cultura e Lecer, Turismo e Normalización Lingüística, que se puxo en marcha o ano pasado, apunta a concelleira Hortensia Bautista, contribuirá a espallar a figura e obra do homenaxeado coas Letras Galegas, este ano dedicado a Carlos Casares, entre a poboación e felicita aos panadeiros de Ponteareas pola súa colaboración, sendo un axente difusor da nosa cultura e lingua, a través do reparto destas bolsas nos seus establecementos.
Mañá, martes , día 16 de maio, a partir das 9:30 horas, un grupo de escolares dos centros de ensino de Ponteareas participarán, coa colaboración de alfombristas, na confección dunha alfombra e mural conmemorativos do Día das Letras Galegas. Esta Alfombra poderá ser contemplada tamén durante o día 17.
Ese mesmo día 16, a Axencia de Lectura de Guillade acollerá alumnos do CEIP A Fraga do Rei de Santiago de Oliveira, os que participarán da obra “A Galiña Azul e Compañía”, a cargo de Cris de Caldas.
Ás 18:00 horas terá lugar na Biblioteca Pública Municipal a representación de “ Pictográfico de Carlos Casares”, do Teatro Babaluva.
O Día das Letras Galegas, a Praza Maior acollerá diversas actividades, comezando ás 11:30 horas cunha sesión familiar de “Danzas do Mundo”, a cargo de Mercedes Prieto e Virapé. A partir das 18:00 horas os máis pequenos e as súas familias poderán gozar de dous espectáculos, a cargo de Barafunda Teatro: “Pepiña Maruxiña quere voar” e “As aventuras de Lila e Lolo”.