Ponteareas | O alcalde de Ponteareas Xosé Represas anunciou o próximo acondicionamento dun grande aparcadoiro na rúa Samiento Rivera (fronte ao cuartel da Garda Civil) e outro na rúa Redondela. Represas sinalou que o aparcadoiro de Sarmiento Rivera terá unha superficie de 6.500 m2 que o converterán no aparcadoiro máis grande dos existentes na vila e que poderá acoller máis de douscentos vehículos. Esta nova zona de estacionamento superará en máis do dobre á máis grande existente na actualidade, a da Avenida Rosalía de Castro, de 3.000 m2 e con capacidade para 130 vehículos.
O aparcadoiro que se habilitará a carón da rúa Redondela terá preto de 1.000 m2, unha superficie semellante á do aparcadoiro existente no centro da Avenida de Castelao con 60 prazas dispoñibeis.
Actualmente existen 650 prazas nun total de 8 aparcadoiros de uso público repartidos ao redor do centro urbano de Ponteareas, polo que os dous novos aparcadoiros suporán incrementar o número de prazas existentes en aproximadamente un 50% máis.
Os traballos de preparación dos terreos comezarán a vindeira semana cos labores de desbroce e a intención do goberno local é que en poucas semanas os aparcadoiros poidan estar operativos. O novo espazo de estacionamento de Sarmiento Rivera está a tan só 150 metros e a dous minutos camiñando da Casa do Concello.
Represas salientou que con estas novas actuacións “damos un novo paso de cara a promover a mobilidade sustentábel en Ponteareas, facilitando aparcamento na contorna máis próxima da vila e promovendo os desprazamentos a pé desde eses aparcadoiros a calquera destino do centro urbano”, sinalou Represas. O alcalde lembrou que “desde estes aparcamentos calquera punto da vila se atopa a menos de de 10 minutos camiñando”.