Ponteareas | O concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, deu a coñecer a implantación nestes semanas dun novo sistema intelixente de atención cidadá en tódolos departamentos que prestan actualmente servizos de atención ao publico. “O obxectivo é continuar prestando os servizos de atención, respectando as medidas de saúde, seguridade e hixiene impostas polo COVID-19. Esta nova situación está provocando un cambio fundamental no modo de vida da sociedade e no xeito de relacionarnos, e dende o Concello debemos de dar resposta a todas as necesidades críticas xurdidas a raíz desta nova situación”, indicou Benito Márquez, concelleiro socialista de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico.
O novo sistema que se está implantando permite a obtención dunha quenda dende o teléfono móbil ou a través da web (tícket electrónico), así como o seu seguimento a distancia e a notificación da quenda, evitando o uso de elementos táctiles públicos para a obtención da mesma, co fin último de desconxestionar as salas de espera e permitindo que o cidadán acuda unicamente cando estea a punto de ser chamado para a súa atención.
“O que se pretende é evitar as aglomeracións dos cidadáns no Concello nas salas de espera, mellorar a saúde laboral dos e das traballadoras e desconxestionar os servizos. Debemos protexer á cidadanía durante o tempo de espera, mantendo a distancia de seguridade, o que redundará ao mesmo tempo nunha mellor protección de tódolos traballadores que prestan os servizos de atención cidadá. Debemos pensar en todos e todas e axudar a que tanto uns coma outros estean seguros”.
“A e o usuario poderá pedir cita telematicamente, a través dunha aplicación móbil, e poderá seguir a cola en tempo real para os tíckets electrónicos xerados. A través da app, recibirá información en tempo real do número de persoas en espera e do tempo aproximado para ser atendido. Cando a súa quenda estea próxima, o usuario recibirá no móbil unha notificación, podendo realizar a espera na rúa, na casa ou no coche, mantendo a distancia de seguridade”, sinalou o concelleiro socialista Benito Márquez.
“É importante salientar tamén que este sistema está integrado en certos casos cun sistema de videoconferencia, onde se permitirá a realización de citas virtuais entre a e o traballador público e a cidadanía, ou simplemente telefonicamente, garantindo un servizo eficaz sen que o usuario teña que vir fisicamente ao concello”.
Non obstante, tamén está contemplada unha oficina a cidadanía onde poidan acudir presencialmente aquelas persoas que non dispoñan de teléfono móbil ou internet para solicitar a cita telematicamente.
Por último, o concelleiro quixo agradecer públicamente o esforzo que o Departamento de Innovación e Desenvolvemento está levando a cabo nos últimos meses nesta situación complicada para todos e que está redundando en que o Concello siga en funcionamento.