Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas destinará un total de 11.770 € á creación da exposición permanente que levará por título “O rancho de Reis de Salceda de Caselas”, que estará ubicada no hall do Auditorio Municipal. A mostra estará financiada pola Deputación de Pontevedra dentro do Plan Concellos 2020 e contará con dúas zonas diferenciadas pero gardando concordancia entre sí. Por un lado instalaranse tres obras pictóricas de Xose Ramón Paz Antón que ilustran distintos momentos do Rancho de Reis de Santa María de Salceda. Na outra zona estarán ubicados tres expositores nos que se exporán os traxes representativos das figuras do rancho de reis de Salceda: os danzantes e a dama. Estes traxes son propiedade do Concello, e véñense cedendo anualmente para o seu uso ao rancho da Feira, estando a disposición das asociacións que os precisen. Ademais haberá a posibilidade de ir ampliando a mostra coa exhibición de outros elementos representativos como as roupas de cabalos e cabaleiros ou imaxes actuais e antigas. Estas instalacións acompañaranse dunha nova decoración e iluminación do espazo acorde á temática e co obxectivo de por en valor a obra.
A danza de reis de Salceda, co seu canto, a súa música, a coreografía, a vestimenta e os usos sociais que rodean a súa representación, é a mellor mostra que se conserva de entre todas as danzas de reis que existiron na antiga provincia de Tui. Hai douscentos anos había ranchos en case todas as parroquias do sur da provincia de Pontevedra e daquel tempo quedaron só á celebración dos Reis de Salceda, de Río Frío, de Guláns e pouco máis. Esta manifestación é como un fósil cultural que nos ilustra sobre as celebracións profanas e relixiosas que se perden no río do tempo. O Rancho de Reis de Salceda xunto á súa curiosa transformación parcial no Rancho de Entroido, forma parte dun corpus máis amplo que son as danzas gremiais ou tamén denominadas ultimamente Danzas Brancas.
No caso de Salceda, o rancho desaparecera alá pola década dos 50. Na década dos 80 houbo un intento de recuperación por parte do Centro Cultural de Castro Barreiro que durou uns poucos anos pero que non conseguiu manterse. Sen embargo, no ano 2004 a asociación cultural o Serán recuperou o rancho de reis, que se mantén na actualidade, ao que se lle sumou a asociación cultural A Feira no ano 2018 coa recuperación do rancho de entroido e a continuación do rancho de reis.
Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura, destacou a importancia da recuperación das nosas tradicións máis propias, que conseguen diferenciar a Salceda do resto das manifestacións, por tratarse neste caso dunha composición única, distinta do resto de rancho de reis existentes.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, agradeceu a implicación das diferentes asociacións na recuperación desta tradición, inicialmente o centro cultural de Castro barreiro, e na actualidade o Serán e a asociación cultural A Feira. “Estamos a falar de tradicións do pobo que non terían sentido sen a implicación directa do pobo. Unha vez máis a sociedade salcedense dá mostra do seu apego ás tradicións propias, e dende o Concello poremos todo da nosa parte para seguir a apoiar este tipo de iniciativas”.