A feira celébrase do 1 ao 5 de febreiro no recinto feiral de Expourense e está adicada á potenciación da gastronomía e o turismo, especialmente en todo o referido ao entroido. O Concello de Salceda participa con un stand no que estará presente a Festa dos Callos, o tradicional Entroido salcedense ou a Mostra da Camelia entre outros. O Concello contará de novo coa colaboración de Frigolouro, que o venres 3 ofrecerá degustación gratuita de callos a todos os que queiran achegarse. Será ese día cando un autobús fletado polo Concello leve a 55 salcedenses ata a mostra, para desfrutar da degustación e da feira en xeral.
Loli Castiñeira, Concelleira de Turismo, destaca a importancia de participar neste tipo de mostras que dan a coñecer o municipio e que atraen a xente de toda a xeografía galega e de fora dela a coñecer o pobo salcedense.
Tere Pérez, Concelleira de Cultura, valora moi positivamente a experiencia do pasado ano 2010, xa que a mostra resulta un lugar único para dar a coñecer as máis importantes festas salcedenses, como poden ser o Entroido ou a Festa dos Callos.
As Concelleiras aproveitaron a ocasión para agradecer unha vez máis a Frigolouro, empresa encargada cada ano da elaboración dos callos na festa gastronómica, a súa colaboración no evento. Alejandro Alonso, o Mestre cociñeiro de Frigolouro estará tamén ao mando da degustación que se ofrecerá o venres 3. Dende o Concello anímase a todos os e as salcedenses a achegarse ata Expourense entre o 1 e o 5 de febreiro para visitar o stand do Concello de Salceda.