Salceda de Caselas | A Casa do Concello de Salceda e a Casa da Cultura Castelao volven abrir as súas portas ao público este xoves 21 de maio, unha vez que se conte con tódalas medidas de seguridade precisas tanto para salvagardar o cadro de persoal como a veciñanza. En ámbolos dous edificios só se atenderá con cita previa, que se pode solicitar a través de teléfono ou empregando a sede electrónica. As citas serán preferentemente telefónicas ou telemáticas, realizando tan só de xeito presencial as imprescindibles, que terán un tempo máximo de 15 minutos. Para estes casos, a veciñanza deberá acudir provista de máscara de protección e traendo sempre un bolígrafo propio, minimizando deste xeito todo risco de contaxio. Ademais realizarán a desinfección de mans na fonte de xel instalada na entrada do edificio do Concello, e mediráselles a temperatura corporal comprobando que non supere os 37 graos tal como está establecido. Habilitaranse tamén portas de entrada e saída diferenciadas, evitando deste xeito o cruce de persoas.
No caso da Casa da Cultura Castelao, reábrense os servizos de préstamo e devolución de libros, e atención nas oficinas de OMIC e OMIX. Polo de agora non está permitida a recuperación da actividade da sala de estudio, que se volverá ofrecer cando as normas así o permitan e se poidan garantir as medidas de seguridade.
O Concello de Salceda organizou durante estes últimos días a volta ao traballo do seu cadro de persoal, contando cos servizos dunha empresa de prevención de riscos, e co asesoramento do delegado sindical de prevención e saúde. Adquiríronse máscaras FPP2 e os EPIS precisos para o persoal, así como a instalación de mamparas nos diferentes departamentos, nos que se contará ademais con xeles hidroalcohólicos e outros sistemas de desinfección, ademais do reforzo no servizo de limpeza.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: Traballamos en coordinación cos sindicatos e a empresa de prevención, para que a seguridade de veciñanza e cadro de persoal estea garantida. Pedímoslle comprensión á veciñanza nesta fase da desescalada, na que nos toca ser pacientes e extremar as medidas de seguridade. É un paso máis, pero non é aínda unha volta á normalidade”.