Sober | O Concello de Sober vén de aprobar os orzamentos para 2024 que supoñen un importe 3.344.414.18 euros, en torno a un 7% máis que en 2023. As contas saíron adiante co voto do equipo do goberno, en mans do PP, e o do PSOE e coa abstención de Agroma Sober.
Un ano máis os presupostos garanten a igualdade no acceso ao emprego, na formación, na promoción e nas condicións de traballo. Promociónase a igualdade e a participación activa das mulleres en todos os ámbitos (cultura, educación, política, economía, deporte, saúde,….).
Como vén sendo habitual nos últimos anos prima o gasto social e os investimentos reais. Ao tempo que non se sobe ningún imposto nin taxa. En concreto, destínase a benestar comunitario e gasto coial máis de 1,6 millóns de euros e a cultura, educación e deporte arredor de 500.000 euros.
Os investimentos reais superan o millón de euros. Entre as inversións previstas, atópase a última fase do saneamento no núcleo de Doade, con 51.000 euros, a construción dun novo Punto Limpo e una nave municipal con taller de reciclaxe cun investimento de 275.000 euros, dos que a Consellería de Medio Ambiente achega o 80%.
Tamén se inclúen no orzamento partidas para mobiliario nas dúas vivendas municipais recentemente arranxadas en Vilamaior e para a nova Escola Infantil cuxas obras está previsto rematen neste mes de febreiro. Incluíuse ademais unha partida para a compra de instrumental para a Escola Municipal de Música. Ao mesmo tempo os presupostos inclúen 40.000 euros para obras no Centro Sociocultural para insonorización de aulas, climatización eficiente e melloras na cuberta.
A rehabilitación do palco de Rosende e a construción dun local social no palco de Gundivós contan con 61.000 euros. Tamén se prevé a construción dunha nova piscina infantil con xogos interactivos, una pista de volei Praia e melloras nos céspede da área de piscinas de Centeás. Esta obra supón una inversión de 140.000 euros, dos que o 80 por cento son a cargo da Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.
Contan os presupostos con partidas para melloras urbanas, entre outros lugares, en Ferrón, Sanmil ou Portizó, obras que suporán una inversión de preto de 200.000 euros dos que o 70% serán achegados pola Xunta de Galicia. Para a mellora de camiños municipais inclúense preto de 300.000 euros, deles 120.000 con cargo o Plan Único da Deputación, 100.000 a través do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e 80.000 de fondos propios do Concello.
Axudas e emprego
Mantense a liña de axudas para todos os niveis de ensino (infantil, primaria, secundaria e universidade) e segue tendo peso o fomento do emprego con unha partida de máis de 85.000 euros.