Tomiño | Por votación popular das ideas propostas pola propia cidadanía. Así se lle porá nome á nova avenida de Tomiño, unha vía que rodeará o núcleo do Seixo e que permitirá eliminar o tráfico de paso polo centro urbano da vila. O Concello vén de poñer en marcha a campaña ‘Ponlle nome!’, un proceso participativo a través do que se invita a toda a cidadanía tomiñesa a colaborar no bautismo desta nova estrada. “Estamos convencidos de que esta infraestrutura vai ser unha mellora para todas as persoas que viven en Tomiño e parecíanos fundamental achegala á cidadanía e implicar aos veciños e veciñas no que vai supoñer para o municipio. Queremos que os tomiñeses e tomiñesas sintan esta infraestrutura como algo propio, incluso decidindo o nome que vai levar”, explica Sandra González, alcaldesa de Tomiño.
A fase de recepción de propostas arranca este 7 de decembro coa instalación de dúas caixas (no mercado municipal de Tomiño e na Casa Consistorial) nos que todas as persoas interesadas poderán facer chegar as súas ideas de forma presencial. Por outro lado, na web do concello habilitarase un espazo para poder enviar estas propostas de forma online. A cidadanía terá ata o vindeiro 15 de xaneiro de 2019 para enviar todas as suxestións para o nomeamento da rúa. Unha vez pechado o prazo de recepción, un tribunal composto por persoas expertas analizarán as propostas recibidas e farán unha selección daquelas ideas que cumpran criterios como respecto ou orixinalidade, entre outros.
Uxío Benítez, deputado e concelleiro de Planificación Territorial, sinala a importancia desta nova infraestrutura, “un proxecto estratéxico feito tendo en conta os intereses da cidadanía e que suporá un antes e un despois para Tomiño”. “Cremos que é importante que a cidadanía participe dun xeito activo no quefacer do concello. Por iso cando falabamos cos veciños e veciñas e detectamos que había un problema, que non sabían como chamar a esta nova estrada, vimos a oportunidade de implicalos unha vez máis e de que foran eles mesmos os que propuxeran e escolleran o nome definitivo”, destaca Benítez.
O vindeiro 21 de xaneiro de 2019 abrirase o prazo de votación popular para que a cidadanía complete o proceso de elección non soamente facendo propostas, senón tamén escollendo a súa favorita entre todas as ideas presentadas. Todos os tomiñeses e tomiñesas poderán depositar o seu voto novamente de forma presencial nunha caixa instalada para tal fin nas dependencias do mercado municipal e da Casa do Concello ou facelo de forma online a través do espazo dedicado a esta iniciativa na web municipal. Os veciños e veciñas poderán votar ata o 28 de febreiro de 2019.
Con ‘Ponlle nome!’, o Concello de Tomiño quere darlle voz e voto á cidadanía nunha das obras máis importantes do municipio, xa que materializan un proxecto reclamado historicamente polo Goberno municipal e levan consigo a transformación do centro da vila cara un espazo público pensado para as persoas, no que a mobilidade peonil e sustentable sexa unha prioridade, con accesibilidade universal e xerando unha maior calidade de vida urbana.
Esta nova avenida rodeará o núcleo do Seixo e permitirá eliminar o tráfico de paso do centro urbano. Cunha lonxitude de 1.400 metros, enlazará a estrada provincial EP-3102 polo Sur e a PO-344 (rúa Gondomar) polo Norte, dando unha saída natural á avenida da República Arxentina e rúa da Pedra cara o Leste do núcleo, e enlazando o municipio coa futura Vía de Alta Capacidade (VAC) Tui-A Guarda. Esta variante enlazará os equipamentos situados na estrada provincial, como o CEP Pedro Caselles, a área deportiva de Mosteiro e a igrexa románica de Tomiño con novos equipamentos como o centro de saúde, o centro de día e mesmo o IES Antón Alonso Ríos, desviando do núcleo urbano uns 10.000 vehículos.
A vía terá unha sección de 18 metros, dos que seis estarán destinados a unha senda peonil e ciclista con arborado, mentres que a calzada terá dous carrís para o tránsito rodado coas súas correspondentes beiravías. Con cinco rotondas e unha vintena de pasos de peóns sobreelevados para distribuír e calmar a circulación e garantir a seguranza viaria, a nova avenida estará delimitada a unha velocidade máxima de 30 km/h.
Cun investimento de 3,5 millóns de euros, a construción da nova avenida de Tomiño é un proxecto levado a cabo grazas ao convenio de colaboración entre Concello de Tomiño, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia.