A Coruña | O Concello da Coruña, a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), e a Deputación da Coruña continuarán a súa xestión conxunta do Teatro Colón.
A alcaldesa da Coruña e presidenta do IMCE, Inés Rey, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron na sede da Administración provincial este convenio a través do que ambas as institucións amplían a cooperación actual ata decembro de 2020.
A Deputación e o IMCE xestionan de forma conxunta o Teatro Colón desde o 2018, ano no que se firmou o acordo que permitiu integrar o teatro na rede pública de espazos culturais municipais.
Segundo a alcaldesa, Inés Rey, trátase dun “acordo que valoro de forma moi positiva e que segue a senda de colaboración existente entre a Deputación e o Concello da Coruña pola promoción da cultura, o apoio a esta industria e o compromiso para a xestión conxunta deste espazo”.
A través deste convenio o Concello da Coruña, a través do IMCE, comprométese a contratar e aboar os gastos de persoal de xerencia do teatro, espectáculos e actividades, persoal de asistencia técnica e venda de entradas e persoal de sala, entre outros. Pola súa banda, a Deputación comprométese a facerse cargo dos servizos de mantemento das instalacións e do seu equipamento. Tamén se encargará do pago de impostos e do seguro do inmoble, que adquiriu no ano 1997.
Ao longo destes anos de colaboración ambas as administracións destacan tamén a elevada asistencia de público ao lugar. As persoas participantes nalgún dos espectáculos valoraron moi positivamente o Teatro Colón segundo indican as enquisas realizadas en colaboración coa Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña.