A Coruña | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou hoxe en Madrid o novo autobús para desprazamentos do Real Club Deportivo. Durante o acto, a rexedora estivo acompañada por Francisco Javier González Pérez, ‘Fran’, director de fútbol base do club.
O vehículo, vinilado coa imaxe da cidade, empregarase nas viaxes dos futbolistas do Real Club Deportivo para a disputa de competicións deportivas, axudando a proxectar iconas da Coruña como a praia de Riazor, a Casa das Ciencias e o propio Estadio de Riazor, onde o conxunto deportivista xoga como local os seus encontros.
A presentación do novo autobús do Real Club Deportivo, executada no contexto da presenza da alcaldesa en Fitur 2022, reforza así a programación prevista para este ano, coa idea de consolidar á cidade como a referencia turística, deportiva e cultural no noroeste do país.
Riazor como sede de grandes eventos musicais
A alcaldesa confirma en FITUR a volta dos concertos internacionais á cidade con Van Morrison, Camilo, Il Divo e Alejandro Fernández A cidade acollerá 16 grandes concertos e a celebración de oito festivais durante o ano 2022 C. Tangana, Serrat, Alejandro Sanz e Dani Martín actuarán na Coruña.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou hoxe en FITUR as capacidades e infraestruturas da cidade da Coruña para acoller grandes eventos musicais, amosando o Estadio de Riazor como un gran recinto que pode reunir a máis de 30.000 espectadores.
Inés Rey destacou a vocación da cidade de se afianzar no circuíto de grandes concertos internacionais e confirmou a presenza neste ano na Coruña de artistas como Van Morrison, Il Divo, Camilo ou Alejandro Fernández.
Ademais destas citas, a alcaldesa destacou que terán lugar na cidade catro festivais musicais (Resis: V Festival de Música Contemporánea, Festival Noroeste Estrella Galicia, Modulartec e Fanzine Fest) que consolidarán A Coruña como a cidade do noroeste de España con maior número de eventos destas características e a única que conta cun festival gratuito do nivel do Noroeste.
Esta oferta musical compleméntase coas dúas citas máis relevantes que se celebran en Galicia no ámbito do orgullo LGTBI, Corufest e Atlantic Pride, e cos festivais de cine S8, o festival Intersección de arte audiovisual e a celebración por primeira vez dunha edición especial do Resurrection Fest coa participación das bandas máis potentes do metal. Grandes concertos nacionais Para Inés Rey, a oferta cultural da cidade neste 2022 pon de manifesto a vontade da Coruña de apostar por situarse como un destino de referencia a nivel europeo, e destacou a celebración de 16 grandes concertos de artistas nacionais xa confirmados na cidade: Nacho Vegas, Ismael Serrano e C. Tangana actuarán en febreiro, Fito&Fitipaldis e Quique González farano en marzo, en abril está confirmada a presenza de Leiva e de Coque Malla, en xuño actuará Alejandro Sanz, en xullo Joan Manuel Serrat, en setembro Malú, en outubro Melendi e en novembro será o turno de Dani Martín.
A alcaldesa, que presentou o avance da programación cultural e turística da cidade para 2022, subliñou que A Coruña ten confirmados neste momento máis de 60 eventos que poñen de manifesto o pulso da cidade para atraer e consolidar citas culturais, artísticas e sociais de referencia.