A Coruña | O concelleiro da área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, interveu esta noite na terceira edición do Foro organizado polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI.
O foro, reconvertido este ano a formato gala, estivo conducido pola Premio Nacional de Poesía, Yolanda Castaño. Lage destacou o posicionamento da Coruña como cidade internacional. “A vocación internacional da Coruña non naceu con este Goberno, nin con este proxecto, é propia da cidade e como administración non debemos poñerlle freo, senón apoiala” sinalou.
Puxo en valor a política cultural da Coruña como exemplo de abertura internacional e lembrou o ciclo Poetas Di(n)versos, dirixido pola propia Yolanda Castaño, que cada trimestre xunta a poetas de orixe galega con voces internacionais no Centro Ágora.
“Podemos falar tamén doutras citas culturais como o Festival Noroeste ou a celebración do Ano Picasso, mais tamén de axudas a empresas para que poidan manter a súa competitividade, a aposta pola mobilidade sostible na liña doutras cidades europeas ou o impulso ao Porto Exterior como principal productor de hidróxeno verde” explicou o edil e portavoz do Goberno municipal. Lage reivindicou a recuperación do liderado histórico da Coruña posto en marcha polo goberno de Inés Rey e agradeceu a colaboración da institución no seu desenvolvemento.
Ademais, o concelleiro reivindicou o poder da acción local no seu amplo contexto: “Actuar desde un marco global implica pensar que todo o que facemos pode ter o seu eco máis alá, de aí que hoxe apostar pola Coruña sexa tamén apostar por Galicia”. O concelleiro compartiu coloquio con Enrique Sáez, antigo director do Banco Pastor, presidente da Fundación Juana de Vega e membro do Consello Asesor do IGADI. A gala contou tamén coas intervencións do historiador Félix Longueira, o xornalista e deseñador gráfico Xan Sabarís, a catedrática Nieves Brisaboa, a directora técnica da DOMUS, Patricia Braciela, o violinista Andrés Lacasa e a cantante Mercedes Peón.
Tamén actuou Lucía Aldao presentando o seu novo proxecto artístico: Pava. Mapa “A Coruña Global”, tamén en formato APP Froito do convenio de colaboración asinado entre o Concello da Coruña e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) para desenvolver as Bases de Acción Exterior (BAEX) aprobadas no 2019, elaborouse o mapa “A Coruña Global”, un recurso interactivo no que se pode consultar información sobre os principais fitos históricos, infraestruturas e monumentos da cidade.
O mapa, presentado por José Manuel Lage Tuñas xunto con Daniel González Palau, presidente do IGADI, contén dúas versións de acordo coa información actual ou histórica dispoñibles na web https://acorunha.hub.gal/#mapa en diferentes idiomas dispoñibles (galego, español, inglés, portugués e chinés).
Nesta gala presentouse o seu novo formato APP, conectado con Google Maps e dispoñible nas dúas versións e cinco idiomas igual ca na web. Longueira e Xabarís, artífices do mapa, destacaron a importancia de trasladalo a este soporte. “Os smartphones son agora o principal acceso ao mundo global e esta APP permite que todo o mundo sexa quen de achegarse á historia e realidade da Coruña” sentenciaron.