Ponteareas | O Concello convoca unha nova edición do premio ‘Ponteareas, lingua e empresa’, unha iniciativa que busca “promover o uso da lingua galega na actividade económica da vila, estender o seu uso nas relacións laborais, comerciais e empresariais e recoñecer publicamente a contribución ao aumento e mellora do uso social do galego desde este sector”, como explican o concelleiro de Lingua, Fernando Groba.
Impulsado polas concellarías de Lingua e Promoción Económica, estes galardóns van destinados ás empresas, persoas autónomas, profesionais ou outro tipo de negocio, así como ás persoas que destacasen ou destaquen polo uso do galego na actividade económica e que teñan a súa sede social ou un centro de actividade no concello ponteareán.
O xurado outorgará galardóns en tres categorías diferentes: traxectoria do uso da lingua galega ao longo de décadas, uso continuado da lingua galega e incorporación recente ao uso da lingua galega. O premio consistirá nunha figura exclusiva creada polo escultor Silverio Rivas.
Como destaca a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, “hai moitos establecementos e empresas que xa fan uso do galego nas súas actividades, pero con estes premios queremos dar un primeiro paso para implicar a máis entidades. Queremos que o uso do galego non sexa un obstáculo, senón un aspecto positivo para a actividade económica da nosa vila”.
Calquera persoa, entidade ou empresa poderá achegar información sobre empresas, persoas autónomas, profesionais ou outro tipo de negocio, así como sobre persoas que destacasen ou destaquen polo uso do galego na actividade económica de Ponteareas que considere que poidan ser destinatarias destes premios. Para facelo deberá enviarse un correo electrónico a premioslinguaempresa@ponteareas.gal cunha ficha de información que estará dispoñíbel na web municipal.
O prazo de presentación das candidaturas rematará o vindeiro 20 de marzo.