Monforte de Lemos | O Concello de Monforte xa ten listos os preparativos para que esta fin de semana do 16 e 17 de abril, a cidade retorne ó seu pasado medieval, a través da celebración da XVIII edición da Feira Medieval de Monforte. O alcalde, José Tomé Roca, afirma que “dado que as previsións climatolóxicas son boas, prevemos unha gran afluencia de público, algo que tamén se constata na porcentaxe de ocupación de prazas hoteleiras, que é case do 100%”.
Por iso, o rexedor monfortino anima á participar na Feira Medieval a todos os monfortinos e a todos aqueles que visitan a cidade e a Ribeira Sacra nestes días e confía en ”que logo de dous anos de ausencia por mor da pandemia, este ano a Feira Medieval coido que volverá a ser un éxito, porque a implicación da xente é máxima e porque temos ganas de recuperar as actividades propias da nosa vida normal”. Con esta edición número 18, quedarán so dúas edicións para que a Feira Medieval de Monforte acade a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia.
O alcalde tamén salientou a alta participación no Concurso de Traxes Medievais, que se fallará na tarde do sábado 16, e que “coa inscrición de 20 parellas e 18 persoas en modalidade individual, alcanzamos a cifra máis alta de participación dende que facemos a convocatoria vía rexistro”.
A estes 38 participantes na modalidade de traxes, hai que engadir que 6 locais se anotaron na modalidade de decoración de establecementos comerciais e hostaleiros, mentres que para o concurso de decoración de balcóns, foron finalmente 3 os anotados.
Para estes tres concursos, o Concello destina máis de 2.000 euros en premios. A decisión do xurado sobre os gañadores destes tres concursos farase pública o sábado 16 de abril ás 19:30 h na Praza de España, no transcurso da propia Feira Medieval.
Espazos e actividades consolidados
O Campamento Medieval ubicado na praza de España, será un dos eixos centrais da Feira, con recreacións históricas a cargo dos Cabaleiros do Ulver, e que incluirá unha exposición de armeiros con armas de diferentes estilos, coleccións de indumentarias civís e utensilios do medievo. Estes cabaleiros encargaranse de vixiar a feira e realizar levas entre as xentes para a súa instrución militar. E o campamento será presidido polos Xigantes dos Condes de Lemos, que tamén serán instalados nesta praza, logo de que os restauráramos para facelos máis estables, coa instalación de rodas. A actuación de xigantes, bufóns e artesáns completarán a oferta de actividade na praza de España.
Ás 12 horas da mañá do sábado 16 de abril uns pregoeiros desenvolverán un espectáculo no que informarán do que acontecerá a fin de semana na cidade de Monforte, dándolle paso ó saúda do Alcalde para declarar aberta a XVIII Feira Medieval de 2022 de Monforte.
Do mesmo xeito, tras o saúda do alcalde, e por cuarta vez consecutiva, haberá unha salva de artillería, cunha réplica dunha bombarda do século XIV, para dar inicio oficial á Feira.
O alcalde resaltou tamén que “mantemos unha completa Programación infantil para facer que os máis pequenos se interesen por estas celebracións medievais, ubicando o Campamento Infantil Medieval xunto ó Convento das Nais Clarisas, no que haberá diferentes xogos, obradoiros, torneos e atraccións medievais para os máis pequenos. Queremos que este campamento infantil sexa un atractivo máis para os nenos e as nenas, para que se sintan protagonistas da Feira Medieval implicándose co evento de cara ó futuro”.
Dende a organización municipal consolidouse a ubicación do espectáculo de aves de rapiña e cetrería coa agrupación de “Falcóns Galicia” que este ano vaise volver a realizar no Campo de San Antonio, por ser unha zona cun espazo libre de cables que non dificultan o voo e que polo tanto non provocan estrés nas aves.
Mantense un dos espectáculos máis atractivos e que gustan moito ó público, como son as Xustas Medievais, desenvoltas por “Hípica Celta”, que atraen sobre todo ó público máis xoven e cada ano enche de público o campo de terra dos Pais Escolapios. Este espectáculo que alcanza a súa 6ª edición, consolídase coma outro dos atractivos da Feira, e terá como actuación central, tanto o sábado coma o domingo ás 6 da tarde, un Gran Torneo Medieval, un espectáculo que incluirá variacións con respecto ós últimos anos, con rotura de lanzas, combates de espadas, nomeamento de vencedores e música ó vivo.
“Ó mesmo tempo, queremos que os espectáculos de lume sigan tendo un protagonismo importante na Feira Medieval, e correrán a cargo de diferentes agrupacións que sairán da praza de España percorrendo as principais rúas da feira, na tarde do sábado”, subliñou José Tomé.
Polo tanto, este ano volverá a ter protagonismo o espectáculo ideado para a praza Luis de Góngora na noite do sábado 16 de abril, un espectáculo de pura acción onde se combinan técnicas de manipulación de lume, música ó vivo, a acrobacia, a maxia e a pirotecnia fría, dando como resultado un mundo misterioso e apaixonante como é o dos trasnos e das meigas. Este espectáculo culminará cun momento máxico que será a queima da fachada do Pazo dos Condes de Lemos, previa á solta dos Faroliños de papel co que finalizarán as actividades do sábado.
Novas actividades
O alcalde tamén deu conta das novidades que ano a ano implementa o Equipo de Goberno no programa da Feira Medieval, e que pretenden facer máis atractivo o evento e consolidalo como unha referencia cultural e turística que cada vez atraiga a máis visitantes.
Dado que é todo un éxito a actividade do sábado pola noite na que os visitantes suben ata San Vicente, este ano auméntase o número de fachos de 100 a 200, un 100% máis que na anterior edición, que serán repartidos no Campo da Virxe e subirán a ritmo de tambores e música ata a praza Luís de Góngora onde posteriormente se procederá á solta de faroliños de papel como en anos anteriores. Neste senso, tamén se incrementará o número de faroliños un 150% máis, pasando de 200 a 500 unidades.
Haberá tamén un aumento dos espectáculos na rúa, en concreto, pasarán de 4 a 7 o número agrupacións musicais, o que permitirá facer 6 actuacións musicais por día, tanto para o sábado como para o domingo. E delas, dúas son agrupacións monfortinas: a Batucada de Creativa e os Xograres de Lemos, polo que dende o Concello séguese apostando polos grupos e empresas locais..
Unha das principais novidades deste ano é o Desfile do Gran Dragón, que percorrerá dende a praza de España as principais rúas da Feira, tanto o sábado coma o domingo á noitiña, mellorando así á oferta dos resto de espectáculos xa previstos tanto na Praza de España como na praza Luís de Góngora, e que poden ver detallados no programa.
E xunto a este espéctaculo engádese outro, que por primeira vez celebrarase o domingo día 17 ás 9 da noite e que se ubicará na praza Campo de San Antonio: o espectáculo “Fire Performance”, composto por música, acrobacias, bailaríns, percursionistas e manipuladores de lume, que realizarán diferentes cadros escénicos para pechar o domingo a Feira Medieval.
José Tomé tamén resaltou coman novidoso desta edición a “ampliación da decoración da Feira Medieval colocando novos pendóns e escudos na Casa da Cultura e no antigo Concello, así como decorando, A Calexa, Armando Cotarelo, a subida dende a porta da Alcazaba ata o Parador, ou o gindastre que se atopa na Praza de España”.
A alcalde recoñeceu a labor da Asociación de Artesáns de Monforte, unha colaboración importantes que ten o Concello para a celebración da Feira Medieval, xa que son os que se encargarán da montaxe do estrado na praza de España para os diferentes actos, así coma da elaboración dos elementos decorativos para rúas e prazas.
En relación co Parador de Turismo, o rexedor municipal agradeceu a implicación do seu novo director, “que quixo ter unha maior presencia na Feira de tal xeito que recupera tanto a Comida como a Cea Medieval no Parador de Turismo, para que calquera cidadán que así o desexe poida degustar elaboradas receitas medievais”. Esta oferta do Parador fai anos que non se facía e agora ademais duplícase, porque todos os que o desexen poderán comer ou cear tanto o sábado coma o domingo, sempre con reserva anticipada.
Máis de 100 postos no Mercado Medieval
Respecto do Mercado Medieval, que é outro elemento indispensable nesta Feira, o alcalde resaltou que “a pesares dos 2 anos de parón e de que seguimos nun período coa Covid aínda presente, a participación é moi similar á época de pre-pandemia. Se no ano 2019 foron 117 postos, para o ano 2022 contamos con 103 postos, polo que lles quero agradecer a todos eles a súa participación e implicación coa nosa Feira”. Deles, 50 son de artesanía, 34 de alimentación e 19 de comercio.
Os postos de alimentación estarán distribuídos entre a venda de produtos gastronómicos que irán ubicados no interior do espazo dos mercados, o que se chama Zoco Gastronómico, e o resto das paradas gastronómicas distribuirase ó longo de todo o traxecto, sendo o zoco central destas paradas o atrio da igrexa da Régoa. Tamén José Tomé animou ós establecementos de Monforte, tanto do comercio como da hostalería a que fagan un esforzo en decorar os seus establecementos e a vestimenta medieval durante estes 2 días para realzar este evento.