Ponteareas | As alcaldesas e alcaldes do Condado-Paradanta solicitan á Xunta manter unha reunión urxente para buscar solucións ante a situación que está a atravesar a Atención Primaria na comarca, onde a falta de persoal sanitario provoca un progresivo deterioro da atención sanitaria nos centros de saúde da contorna e, especialmente, en Ponteareas, onde radica o PAC de referencia de todo o territorio.
Por este motivo, a alcaldesa ponteareá, Cristina Fernández Davila; o rexedor das Neves, Xosé Manuel Rodríguez; o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros; o de Mondariz Balneario, José Antonio Lorenzo; o rexedor de Covelo, Juan Pablo Castillo; e a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, enviaron unha carta ao Conselleiro de Sanidade para pedirlle un encontro no que “expresarlle as circunstancias sanitarias coas que se atopan os nosos veciños e veciñas a diario, con milleiros de persoas sen asignación de médica ou médico de familia, nunha situación insostible e perigosa para a saúde”.
Rexedores e rexedora lembran que, “a causa da limitación na taxa de reposición e de decisións orzamentarios, o persoal sanitario de Atención Primaria na nosa comarca foi mermando ano a ano”, o que derivou nunha falta de persoal e servizos que impide prestar unha correcta atención sanitaria á veciñanza.
Na actualidade a situación empeorou, con servizos anulados ou reducidos “como consecuencia da falta de persoal, adaptándoos aos efectivos existentes, atendendo unicamente a demanda sanitaria máis imperiosa e urxente, deixando outras doenzas ou probas desatendidas ou aprazadas”, salientan. Piden ademais unha valoración urxente da situación crítica na que se atopan os centros de saúde dos municipios e o PAC de Ponteareas “para que se proceda de inmediato á incorporación de persoal sanitario, especialmente facultativos e facultativas, para contar coas prazas necesarias que garantan un servizo asistencial de calidade”.