Foi nova moi salientábel nestes últimos días o informe desfavorável do Consello da Cultura Galega (CCG) a respecto do proxecto de fabricación de fibras téxtiles a base de celulosa promovido por Greenfiber, S.L. (pertencente maioritariamente á multinacional portuguesa Altri-proxecto Altri-) e que tenta instalarse en Palas de Rei, na Ulloa. Dez expertos economistas, arqueólogos, biólogos, ambientalistas, expertos en saúde… analizaron moi polo miúdo as eventuais resultas do proxecto a respecto do noso patrimonio ambiental e cultural e, a medio desta análise, a respecto da saúde pública, territorio e economía da contorna e de Galicia.
Nestes días publicáronse novas e análises que xustificaban a competencia xurídica do Consello da Cultura para a emisión dun tal informe. Xa que logo, cumprirá neste espazo debullar os argumentos do CCG contra o proxecto Altri.
O informe do CCG critica a metodoloxía procesual, pois que a decisión non resposta a un plan territorial ou industrial avaliado ambientalmente, senón a unha decisión singular do Consello da Xunta ao declarar proxecto industrial estratéxico ao proxecto Altri. Critica que é extensíbel a todos os parques eólicos de nova instalación, que non contan cunha avaliación ambiental estratéxica vencellada ao territorio.
Xa que logo, a decisión semella non analizar as capacidades do territorio para aturar esa instalación industrial “…nin os impactos que produciría sobre o ambiente e as comunidades que o habitan e que non tiveron a oportunidade de participar nesa decisión inicial.” (enténdase a declaración do proxecto Altri como estratéxico no 2022 polo Consello da Xunta de Galicia).
O devandito informe rexeita que o proxecto poida engadir “…unha nova liña a cadea forestal-madeira… coa elaboración de fibras téxtiles a partir da madeira do eucalipto…” e considera que vai reforzar a especialización na produción de madeira do eucalipto e celulosa solúbel, sen impacto na cadea téxtil-confección. Para máis, o informe coida precisas no medio prazo entre 80.000 e 190.000 ha. adicionais ás actuais 409.000 ha. dedicadas á planta do eucalipto, contradicindo os criterios de limitación da superficie do eucalipto do vixente Plan Forestal de Galicia.
“O proxecto, ademais, considera que existe risco para a calidade hidrolóxica das augas do encoro de Portodemouros”
O proxecto, ademais, considera que existe risco para a calidade hidrolóxica das augas do encoro de Portodemouros (de onde a hipotética planta tiraría os 46 millóns de litros de auga diarios que precisa). E advirte que a concesión do encoro remata no remate de 2060, o que condicionaría a subministración de auga posterior nas condicións esixidas no proxecto. Tamén advirte das limitacións das propostas ambientais do proxecto canto ás emisións: non se cuantifican as de CO2, CO e partículas finas (PM 2,5), nin as emisións difusas, choiva ácida, metais pesados, compostos orgánicos volátiles, vapor de auga ou metano.
Alén disto, o informe advirte do grave impacto sobre o patrimonio cultural, nomeadamente o camiño francés de Santiago e, xa que logo, sobre os valores e recursos turísticos do territorio, con grave incidencia sobre o turismo rural. Tamén sobre a dispoñibilidade de terras para uso agrogandeiro e sobre a previsíbel desvalorización dos produtos alimentarios da rica agrogandeiría das bisbarras ao seu carón por mor da desvalorización da súa imaxe que xeraría inapelábelmente a implantación do proxecto.
Este informe multdisciplinar, que xurde dunha institución pública, asesora da Xunta de Galicia, independente e neutral, como o CCG, reflicte moitas realidades e xera moitas preguntas, que van determinar un substancial incremento da sensibilización preventiva a respecto do proxecto Altri tanto pola veciñanza das bisbarras afectadas como pola cidadanía da Galicia toda.