Ponteareas | Alcalde, concelleira de Educación e concelleiro de Mocidade trasladaron aos membros do Consello da Infancia e da Adolescencia de Ponteareas os seus parabéns polo comportamento exemplar amosado durante o tempo de confinamento, así arrincou o encontro dixital mantido durante máis dunha hora para coñecer as necesidades e inquedanzas deste sector de poboación.
Mozas, mozos, nenas e nenos comentaron ao alcalde Xosé Represas e aos concelleiros Cristina Fernández e Miguel Bouzó como foi o seu tempo durante o confinamento. Na súa maioría destaca o importante papel das novas tecnoloxías e das ferramentas dixitais tanto para cumprir coas súas responsabilidades académicas como para poder entreter o seu tempo de lecer.
Infancia e adolescencia destacaron os seus desexos de volver ver aos familiares en canto se permitiron as saídas. Tamén coincidiron en salientar o seu agrado polas melloras no espazo público postas en marcha nestes meses, como a humanización realizada na rúa Fernández Vega no tramo entre o auditorio e a praza de abastos, que agora empregan como lugar para o esparcemento infantil e de encontro da adolescencia. Ademais, agradeceron o espazo xerado nestes días para o tránsito de persoas en todo o casco urbano, que lles facilita o cumprimento das distancias de seguridade.
Nenas e nenos trasladaron ao alcalde a necesidade de continuar a renovación de parques infantís iniciada polo goberno local, facendo énfase nalgunhas parroquias. Nese sentido, Represas comprometeuse a convocar á infancia para afrontar estas obras de mellora
participando coas súas ideas no deseño dos novos parques.
No encontro salientouse tamén a obra do conservatorio, que no vindeiro curso ofrecerá un espazo máis amable e de calidade para o estudo de ensinanzas musicais, así como a realización do Campus-Tea e Verán Rural.
Cristina Fernández e Miguel Bouzó sinalaron que están traballando na programación de actividades a celebrar no verán coas medidas de seguridade pertinentes, e adiantaron a posibilidade de celebrar unha gran xornada lúdica para a infancia e mocidade, que premie a súa actitude positiva nos días de corentena.
Os edís nacionalistas destacan o alto nivel de compromiso e participación do Consello da Infancia e da Adolescencia nos asuntos municipais e, sobre todo, no cumprimento das normativas esixidas nesta nova normalidade.