Monforte de Lemos | Reuníuse en sesión extraordinaria o Consello Municipal de Saúde, co obxecto de analizar a situación sanitaria do Concello en relación co Hospital Comarcal e o Centro de Saúde.
A xuntanza foi presidida pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, e nela estiveron tamén presentes Pilar Espinosa, concelleira de Sanidade e vicepresidenta do Consello, e os vogais do Consello: Emilio Sánchez, concelleiro do BNG; Germán Vázquez, concelleiro de Esperta Monforte; Katherinie Varela, concelleira do PP, Elia Fernández, do Colexio Oficial de Enfermería; Sagrario Ferreira, do Colexio Oficial de Psicoloxía; Francisca Vázquez, pedánea de Bascós; Miguel Ángel Pino, presidente da Asociación de veciños da zona do Hospital; Antonio González, pedáneo de San Xillao de Tor, e representando á Plataforma en defensa da sanidade pública-PLADESAPLU asistiu Manuela Fuentes.
O punto central que se abordou nesta xuntanza extraordinaria do Consello Municipal de Saúde foi a análise da situación sociosanitaria do Concello de Monforte en relación crítica situación pola que atravesa tanto o Centro de Saúde como ó Hospital Comarcal, nos que non se cobren as baixas de persoal sanitario, nin as vacacións ou xubilacións, tanto do corpo médico como de enfermería.
Logo das intervencións dos diversos participantes na xuntanza, decidiuse consensuar un texto e sometelo a votación para instar á Consellería de Sanidade e ó Sergas “a que corrixan as deficiencias tan graves, en materia sanitaria, que estamos padecendo no Centro de Saúde, no Hospital e na Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Monforte de Lemos”, sinalou Gloria Prada.