O Tribunal Constitucional (TC) rexeitou por seis votos contra cinco (o posto duodécimo ficou vacante desque Fernando Valdés demitiu hai semanas) o recurso de amparo do sindicalista galego Paulo Fragoso (CIG) contra da sentenza do Xulgado do Penal nº 1 de Ferrol (confirmada pola Sec. 1ª da Audiencia coruñesa) que o condenara a 1.260 € por un delicto de ultraxes á bandeira do Estado. Cómpre lembrar que en novembro de 2018 caducara o mandato do demitido Valdés e doutros tres maxistrados do TC.
Esta sentenza racha coa doutrina do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), que xa ditaminou que a liberdade de expresión abeira esta caste de condutas, como tamén a de queimar retratos do xefe de Estado. Neste senso, dous independentistas cataláns condenados por queimar estes retratos (sentenza penal tamén confirmada no seu día polo TC) obtiveron unha sentenza que declarou contraria a devandita condena á liberdade de expresión recoñecida na Convención Europea de Dereitos Fundamentais que interpreta o TEDH.
O TEDH coincide nesta interpretación ampla da liberdade de expresión co Tribunal Supremo dos USA (TSUSA), que en varias ocasións ten recoñecido que queimar a bandeira dos USA constitúe un acto lexítimo, abeirado na liberdade de expresión recoñecida na Primeira Emenda á Constitución USA. TEDH e TSUSA, porén, non conciden sempre nos límites da liberdade de expresión.
Mentres o TEDH mantén un concepto comunitario da liberdade de expresión e non protexe abusos da mesma como os delictos de expresión de odio, por se tratar de agresións á orde xurídica baseada nos dereitos fundamentais e na dignidade das persoas, o TSUSA defende unha interpretación individualista que descoñece esta categoría dos delictos de odio, permitindo toda expresión que non supoña unha chamada inmediata e directa a un acto de violencia delictiva.
A Constitución dispón que a interpretación dos dereitos fundamentais sexa realizada consonte cos Tratados internacionais asinados polo Estado. O TEDH é o máximo Tribunal neste eido en todos os Estados da Unión Europea e nos restantes do Consello de Europa. É, sinxelamente, o que máis ordena na unificación xurisprudencial no eido dos dereitos fundamentais no Estado español.
Xa que logo, esta sentenza do TC é ilegal e ilexítima. E, o que é máis grave, racha coa definición europea da democracia e das liberdades.