Santiago de Compostela | O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, proclamou na clausura do 15º Congreso Nacional do Partido Socialista de Galicia que o PSdeG é a única esquerda con capacidade de gobernar Galicia: “Somos a alternativa real ao conformismo do PP e á Galicia da resignación que impón Rueda. Estamos preparados e preparadas para gobernar porque somos capaces de liderar o cambio en Galicia. Hoxe comeza ese camino”.
Acompañado polo presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, Besteiro reivindicou o papel clave do socialismo para transformar Galicia, denunciando a parálise de 16 anos de gobernos do PP e poñendo en valor as políticas progresistas que xa están a mellorar a vida dos galegos grazas ao Goberno de España. Besteiro deixou claro que non hai atallos nin terceiras vías: o único cambio posible en Galicia pasa polo PSdeG.
A sanidade “con 200.000 galegos agardando a unha cita co especialista”; unha política de vivenda “que dea resposta á mocidade”; a “manipulación dos medios públicos” en especial a RTVG; e as críticas contra un Rueda que “négase a aceptar a condonación de 4.000 millóns de euros da débeda autonómica só porque é unha medida socialista” tiveron especial atención e preocupación no discurso de Besteiro.
Sobre o modelo económico, Besteiro apostou pola reindustrialización e a transición ecolóxica, pero sen permitir “trampas nin especulación”, con especial referencia ao proxecto de Altri en Palas de Rei.
Gonzalo Caballero: “Un XV Congreso sen debate nin autocrítica”
As reaccións ao discurso de Besteiro non se fixeron agardar. O ex secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero, quen liderou o partido entre 2017 e 2021, fixo balance do resultado do XV Congreso considerando que “fallou” ao apostar pola continuidade do rumbo e dos referentes que nos levaron ás maiores derrotas electorais” e non incluír “nin debate, nin autocrítica, nin renovación”.
Caballero lembrou que o 90% da militancia socialista non participou nas asambleas para este Congreso e que cónclave foi un “cambio de cromos”. Besteiro apostou por “un modelo de partido de catro dirixentes” e “non por un partido da militancia”, criticando a redución de 210 a 150 o número de delegados do Comité Nacional elixidos directamente pola militancia nas asembleas locais.