Ponteareas | Xa é oficial: a Festa do Corpus Christi de Ponteareas foi declarado polo Consello da Xunta de Galicia como Ben de Interese Cultural (BIC) de Patrimonio Inmaterial. Este recoñecemento vén tralos preceptivos informes favorables do Museo do Pobo Galelo, da USC e do Consello da Cultura Galega, “culminando así un proceso no que non se presentaron alegacións”.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, confirmou persoalmente a declaración trala reunión do seu goberno. A Alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, agradeceu este recoñecemento nas súas redes sociais. Complétase así un proceso que comezou en 1995, cando o Concello de Ponteareas formulou a primeira solicitude oficial para a súa inclusión no catálogo BIC galego. Ese expediente arquivouse posteriormente ao caducar o procedemento sen conseguir a súa proclamación.
O decreto que agora saíu adiante valora tanto a festividade como os rituais, cerimonias e técnicas artesanais tradicionais asociadas. A documentación conclúe que o Corpus Christi constitúe un ritual festivo recoñecido polo seu uso social e cerimonial, cunha gran pegada de coñecementos populares sobre a natureza, os elementos naturais e os ciclos do campo.
“Valórase a confección dun conxunto artístico dotado de variadas representacións e símbolos, cunha significación cultural que vai máis aló do ámbito relixioso para vincularse coa cultura popular”, recóllese na declaración.