Natural de Ponteareas, Jorge Sobral Fernández, catedrático de Psicoloxía (USC), director do Departamento de Socioloxía e Ciencia Política desa universidade e un dos maiores expertos en Psicoloxía Criminal, foi o encargado o pasado 4 de xuño de dar lectura ao Pregón das Festas do Corpus Christi 2023.
Vde. será o pregoeiro do Corpus 2023. Qué sensacións ten ante este nomeamento?
Ante todo unha sensación de sorpresa e agradecemento. E, despois, unha sensación de certa presión por se son capaz de expresar no Pregón aquelas ideas, lembranzas, que compoñen o quebracabezas do Corpus na miña memoria. O Corpus como un elemento esencial do meu modo de vivir a experiencia de ser ponteareán.
Que significa para Vde. o Corpus dende o punto de vista relixioso e social?
É evidente que para moita xente ten un fondo sentir relixioso. E todos eles teñen o meu cariño e respecto. Pero non é o meu caso. Afortunadamente, o Corpus en Ponteareas ten un fondo sentido comunitario, social, de urdimbre de socialidade. Ese é o factor que, tanto como ponteareán como analista do fenómeno, interésame destacar. A elo adiquei algunhas reflexións no texto do Pregón.
Fálenos agora da súa actividade académica: como poderíamos catalogar a situación da saúde mental da poboación sobre todo a da mocidade?
A miña actividade académica, xa moi estensa no tempo, ten percorrido áreas diversas. Pero fai xa non poucos anos que se foi centrando, cada vez con mais intensidade, no ámbito da Psicoloxía Xurídica/Forense, nas súas conexións coa Criminoloxía e, máis concretamente, coa Psicoloxía Criminal.
Os meus últimos libros e artigos científicos teñen que ver con problemas neses campos. Desde fai anos estou desempeñando tamén unha intensa labor de xestión, ao fronte do importante (cualitativa e cuantitativamente) Departamento de Ciencia Política e Socioloxía da USC.
“A saúde dos mozos está neste momento nunha situación moi dinámica e con moitos interrogantes”
A saúde dos mozos está neste momento nunha situación moi dinámica e con moitos interrogantes. Algúns deles están sendo obxecto de moita investigación, incluso a marchas forzadas. Os novos estilos de vida, as novas formas de familia, as tremendas dificultades de conciliación e supervisión, o papel das redes sociais, o mundo das pantallas…Todo isto está obrigando a revisar enfoques e adaptar as novas preguntas de investigación ás novas realidades. Afortunadamente, os meus colegas do grupo UNDERISK da USC son un magnífico exemplo de como se pode dar resposta desde a boa ciencia ás novas necesidades.
Que tratamento médico e social deberíamos aplicar aos problemas de violencia sexual, criminalidade e demáis trastornos psicolóxicos da sociedade actual?
Esa pregunta é imposible de responder nun espazo razonable. Todos eses problemas son multifactoriais, tanto na súa orixe como nos seus posibles abordaxes. En xeral, a miña é dunha absoluta apertura a toda canta actuación se amose empiricamente solvente. Psicoterapia individual, terapia grupal, cambios conductuais e de estilos de vida, cambios sociais, estratexias educativas, etc., etc….non podemos pecharnos a ningunha alternativa que goce do respaldo da evidencia dispoñible a través dos cauces científicos habituais.