José Rodríguez Cruz é o autor dun novo libro publicado por Edicións Laiovento co seuxerente título de “Couto Mixto. Aspectos folclóricos”. Nesta obra atopamos unha manchea de relatos que o autor foi recollendo da memoria dos veciños, porta por porta, daquelas aldeas nas que aínda aniña a conciencia de pertenza a un enclave territorial singular que hai 150 anos perdeu os privilexios en xuño de 1868, por mor do Tratado de Lindes entre España e Portugal, poñendo fin ás aspiracións portuguesas sobre o Couto Mixto, quedando este en territorio integrado na provincia de Ourense. A cambio, como nolo recorda o historiador e etnógrafo António Fontes, as aldeas galegas de Souteliño, Cambedo e Lamadarcos, pasaban a seren portuguesas.
Se vostede, amable lector ou lectora, descoñecese a ubicación xeográfica e natureza de tal enclave histórico, ilustrámolos con algúns apuntamentos. Trátase de tres aldeas – Rubiás, Meaus, capital do comercio, e Santiago a capital relixiosa e política, cunha extensión de 2.695 hectáreas. Meaus pertence ao concello de Baltar, e as outras dúas a Calvos de Randín.
Gozaban os veciños daquel territorio dun réxime xurídico que os convertía de feito nun Estado, tal como foi nas súas oríxes a actual Andorra. Entre os privilexios do Couto Mixto podemos citar: a) Dereito a escolleren a nacionalidade o día da voda, brindando polos reis de España e Portugal; b) Dereito de asilo a reos da Xustiza con algunha excepción a prol dunha ou outra xurisdición nacional; c) Dereito a non pagaren tributos a España ou Portugal, con excepción dunha alcabala ás casas de Bragança e Monterrei; e) Dereito a elixiren por sufraxio das cabezas de familia ao seu líder (xuíz) e os represantes das aldeas; f) Dereito a comerciaren con todo tipo de produtos, mesmo os estancos e armas de defensa ou caza; g) Dereito a non utilizar para os seus negocios impresos oficiais obrigatorios en España e Portugal, e h) Dereito dos mozos a non seren alistados nos exércitos portugueses ou españois.
Foi, como queda dito,a primeira democracia que en tempo das monarquías feudais elixía por sufraxio directo dos representantes das casas a quen os había gobernar (xuíz) polo tempo de tres anos. Os seus documentos gardábanse na arca das tres chaves que aínda se conserva.
Entre o Couto Mixto e a freguesía portuguesa de Tourém había un camiño neutral con todos os dereitos para as persoas, bens e mercadorías, chamado Camiño Privilexiado. Os que o transitaban non podían ser molestados polas autoridades portuguesas ou españolas.
Un grupo de amigos, da man do historiador García Mañá, fomos ao rescate dunha memoria histórica antes de que o tempo a convertese en lenda por mor da desaparición dos derradeiros supervivintes que tiñan coñecemento directo dun enclave territorial tan singular, que agora conta cun Centro de Interpretación merecente de ser coñecido.
A Asociación de Amigos do Couto Mixto celebra todos os anos en Santiago de Rubiás un acto de rememoración histórica o próximo día 7 de xullo ás 12:00 horas que este ano terá un programa excepcional, no que serán investidos como Xuices Honorarios dos presidentes das freguesías de Souteliño, Cambedo e Lamadarcos, unha representación teatral, “A historia do Couto Mixto” e a actuación da cantante Uxía, seguido dun xantar popular aberto a todos.