O Covelo | A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e A Paradanta convoca unha nova mobilización en defensa da sanidade pública. Nesta ocasión, terá lugar o xoves 3 de marzo, ás 20 horas diante da casa do concello de Covelo.
A insuficiencia de medios e de persoal que padece a sanidade pública vívese con especial intensidade nas nosas comarcas. En concreto, no caso de Covelo, das dúas prazas de medicina de familia e unha de pediatría que corresponden, pasouse a ter un só médico, o que provoca unha saturación do servizo e obriga ás familias a desprazarse a outros concellos no caso das consultas de pediatría.
A Plataforma anima a toda a veciñanza da contorna a “saír á rúa para amosar o noso rexeitamento ao desmantelamento dun ben esencial como a sanidade pública, cuxo mal funcionamento provoca que cada vez máis persoas recorran á sanidade privada. Debemos rebelarnos para evitar que xestión privatizadora da Xunta favoreza o negocio privado a costa de suprimir un dereito fundamental”.
Dende a Plataforma agradecen ás veciñas e veciños que colaboran na reivindicación dunha sanidade pública de calidade, e animan a continuar mobilizándose para denunciar a súa degradación deliberada.