O Covelo | O auditorio municipal de Covelo acolleu a asemblea anual da asociación Vía Mariana Luso-Galaica á que asistiron socios e socias dos dous lados da Raia. A directiva da asociación, encabezados pola súa presidenta María José Silva, presentou os novos paneis informativos que colocará nestes días o Concello de Covelo e as súas liñas de traballo para os vindeiros meses centradas na protección da marca Vía Mariana Luso-Galaica, na mellora e uniformidade da comunicación e sinalización e na procura de novos albergues durante o trazado.
Os paneis xenéricos ofrecen a tan só un golpe de vista o trazado, infografías co número de etapa e un QR con acceso a toda a información volcada de xeito práctico e organizado na web da Vía Mariana para que a e o camiñante perdan o mínimo tempo posible e gasten pouca batería. Infografías, trazado, puntos de interese, albergues, compra de camisetas oficiais, merchandising, certificación VMLG ou avisos urxentes son parte da informació que ofrece de xeito actualizado a páxina web.
Entre as principais novidades presentadas durante a asemblea está a creación dun grupo de voluntariado denominados delegados de zona que velarán polo bo estado dos tramos no seu Concello realizando andainas polos mesmos para comprobar o seu estado de mantemento, recoller incidencias e avaliar o estado da sinalización para comunicalo logo á directiva da Vía Mariana Luso-Galaica. “Será unha tarefa voluntaria de simple supervisión do camiño que será organizada varias veces ao ano en coordinación coa directiva”.
Outra das novidades son os proxectos de difusión didáctica que a asociación Vía Mariana xa ten en marcha con distintos centros educativos para percorrer distintos tramos e afondar no coñecemento do partrimonio natural e histórica dos concellos asociados. 741 elementos patrimoniais ao seu paso polos concellos galegos e 154 elementos patrimoniais nos portugueses son, xunto coas espectaculares vistas, os principais atractivos da Vía Mariana.
A directiva da asociación pedíu unha maior implicación dos concellos asociados non só na limpeza dos seus tramos tamén na difusión da Vía, “cada Concello ten a súa disposición folletos co trazado nos que se salienta o patrimonio histórico e santuarios, os puntos máis altos e cuestións relevantes para o camiñante. Tamén animamos aos asociados a colocar un acceso directo nas súas webs municipais vencellado á web da Vía Mariana Luso-Galaica na que as persoas poidan atopar toda a información sen ter que procurala na rede. É importante que todas e todos empreguemos os recursos de difusión oficias da Vía”. Para a organización o Concello de Covelo pode ser un exemplo de boas prácticas de difusión ao ter publicados na web municipal estudos realizados sobre a riqueza cultural relacionada aos tramos da Vía.
Durante a asemblea a directiva deu conta do traballo fundamental do servizo de tutelaxe e monitorización que ofrecen para axudar a resolver dificultades procurando, na medida do posible, facer un seguemento da e do peregrino e atendendo sempre a súa solicitude de axuda. “Tentamos facer un segumento sempre que dispomos da notificación de persoas camiñando, ás veces non é posible porque moitos camiñantes non comunican o seu paso e non recollen a certificación VMLG”, explican. Ademais, piden a todas as persoas que percorren a Vía Mariana que “nos envíen todas as incidencias que observen porque eles e elas son os nosos ollos e só así podemos ter un trazado nas mellores condicións”.
A día de hoxe, en Portugal a sinalización está case concluída e prácticamente pódese camiñar sen GPS. O albergue da Peneda, en Portugal xa está aberto; o de Cotobade, en Galicia, vén de obter a subvención para converterse en realidade e proxectado xa o de Soage, en Portugal, “grazas á cámara de Arcos de Valdevez, concello que xa conta cunha sinalización impecable”, engaden dende a directiva. En vías de consolidación está a variante de Brión e a asemblea decidíu que nos tramos onde coincide co Camiño de Santiago manterase unha soa sinalización, a do Camiño de Santiago.
A directiva fixo un repaso polo exitoso “II Encontro de alcaldes e presidentes da Vía Mariana” celebrado no concello portugués de Melgaço no pasado mes de marzo, e no que estiveron presentes Concellos e Cámaras de España e Portugal así como as Deputacións de Pontevedra e A Coruña e a Xunta de Galicia, entre outras institucións públicas e privadas. A directiva da asociación Vía Mariana pechou o encontro facendo fincapé na importancia dun bo mantemento do trazado tanto con tarefas de limpeza como de conservación de sinalización; no apoio ao camiñante con albergues de calidade e na difusión da Vía e dos seus peregrinos e peregrinas.
Facendo un repaso polas súas estatísticas, concluiron que neste último ano rexistrouse novamente unha maior porcentaxe de mulleres camiñantes, un 57%, a tendencia a fraccionar as etapas sendo Hungría e Portugal os países que máis frecuentan a Vía Mariana. O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, agradece o traballo de todas as persoas da asociación e voluntarios e voluntarias que fan posible esta iniciativa na que persoas de todo o mundo descubren vistas espectaculares, camiñan entre a natureza e coñecen patrimonio só accesible para os que percorren a Vía Mariana Luso-Galaica.