O Covelo | Tras dezasete anos ofrecendo espectáculos e a oportunidade única de coñecer e gozar da man de artistas chegados de diferentes partes do mundo, o Festival de Artes Escénicas e Tradición Popular Artealdea abre as súas portas hoxe sábado na parroquia de Piñeiro de Areas, en Covelo.
Cada día abrirán o intenso programa as sesións de ioga de Alex Méndez ás 10 horas na campa dos columpios seguidas do taller de cerámica de Lourdes na Casa das Botellas ás 11 horas. Na tarde de hoxe sábado As Retranqueiras de Barcia de Mera porán música aos previos da presentación para dar paso a outros espectáculos como Queimada Cabaret con montaxe e producción de Maica Álvarez, Toma de Terra-Electroserán de Eva Outeiro e rematar cun momento de micros abertos e unha noite de de regueifa na Cova.
Mañá domingo día 30 de xullo haberá unha excursión polo camiño dos mortos ás 11 horas con saída dende o lavadoiro. Pola tarde chegará ata Piñeiro de Areas o folclore arxentino e dende as 18:30 horas poderemos escoitar a Juan Carlos Cambas ao piano; a Julio Tere á guitarra e voz, a percusión de Nestor Martín e para pechar a Leo Amoroso (guitarra) e Daniel Castelli (voz). Unha noite máis, o micro estará aberto na Cova para pechar a xornada do domingo.
O luns día 31 de 11 a 13:30 Zita Florentino impartirá un taller de baile galego. A partir das 18:30 chegan as performances e obradoiro de escultaras de barro para as máis cativos e cativos. A partir das oito chegará a música con Rianxeira e Michaela que ofrecerá unha sesión de cancións para o recordo. A partir das dez da noite será o recital poético de Eloy Portela Amor por mi tierra. Ás 22:30 chega a sesión rap con The Last Row e abrirase de novo o micro na Cova para rematar a sesión de luns.
O martes día 1 de agosto arrancará dende o lavadoiro ás 11 horas a excursión ao bosque máxico e, xa pola tarde, ás 18:30 comezarán os xogos e obradoiros infantís. Ás 20 horas será a actuación de Mateo Gil, Daniel Castelli e Antonio Castillo. Ás 21:30 horas actuará Héctor Rial e novamente pechará a sesión o micro aberto da Cova, como cada noite ata o final desta XVII edición.
O mércores día 2 volve ás 11 horas o obradoiro de baile galego e ás 18:30 horas o paiaso Pepón porá a nota de humor. Tielas dirixirá á agrupación musical da Limia Esmuli ás 20 horas para dar paso a unha nova sesión de cancións para o recordo. Ás 21:30 chega o momento Bailoca cunha mestura musical que vai dende o flamenco ata Michael Jackon con sorprendentes performances.
O xoves 3 de agosto ás 11 horas terá lugar o campionato de xadrez con Burujabeak que tamén dirixirá a realización do mural colaborativo de Artealdea a partir das 17 horas. Ás 18:30 horas comezan os shows infantís; ás 19:50 horas a sesión de teatro con Arritmia de Leonel Giacometto e ás 21:40 chega a percusión afrobaiana de Xurxo Troncoso con Alentea Batuke.
A telepatía e as capacidades sobrenaturais chegan a Artealdea da man de Burujabeak o venres día 4 ás 17:30 horas, a continuación actividades de animación e ás 20 horas performance Folkcorop Lab porá en escena As árbores de Piñeiro. Ás 21:15 actuará Sonia Vargas con Volta ao campo de Sor Marijuana. A guitarra española e flamenca soará con Óscar Gallardo e co seu espectáculo Armonia en Vivo ás 22 horas.
A visita á praia fluvial dos Patos será en coche o sábado día 5 ás 11 horas. A esta mesma hora comezará o obradoiro de no que tecerán unha alfombra circular con camisetas recicladas. Pola tarde a partir das 17:30 horas traballarán no mural colectivo; ás 18:30 horas cita con Breaking Vigo; ás 19 horas será o concerto de Sueño de Calíope; ás 20:30 danza extracórporea con Folkorp seguida de cancións para o recordo e ás 21:30 Nova Trova Cubana. O dúo flamenco Leisa actuará ás 22:15 .
Unha ginkana nutrirá a programación do domingo 6 de 11 a 13:30 horas e de 14 a 16 horas será a gran comida popular na que participará o público, as persoas colaboradoras, artistas e organización cunha contribución de 6€ por persoa. A mostra dos produtos realizados nos obradoiros abrirá de 17 a 18 horas. Ás 18:30 horas haberá actuacións musicais ata as 21 horas con música popular e tamén freestyle para dar paso xa a gran queimada que pechará o programa.
Pero a programación da XVII edición de Artealdea non remata aquí, o venres día 12 de agosto de 10 a 14 horas Marta Martula impartirá o obradoiro de de Clown. Ás 11 horas e ata as 14 horas Helena de Kafteria ofrecerá totalmente de balde un taller de costura. De 11 a 18 horas volve o taller de cerámica. Este día tamén haberá clases de baile galego e de tango a partir das 12 horas.
Artealdea nace en 2007 motivada pola recuperación dos costumes e tradicións populares das aldeas. En palabras do seu presidente, Luis Alberto García Tejedor “Gigi”, o seu propósito é achegalas ás novas xeracións e potencialas a través de distintas actividades. Foi a sensibilidade de Gigi, nado en Bilbao, o detonante deste encontro anual que cada ano atrae a centos de persoas ao rural da montaña galega, máis concretamente a Piñeiro de Areas, ao pé da Serra do Suído. Cristina Maniglia Perasso (Francis) acompáñao na súa viaxe a través da recuperación da sabedoría e folclore popular. Ela é directora de escena, deseñadora de iluminación e decoradora, ademáis de cantante, bailarina e actriz de longa traxectoria en teatro e en ópera, con amplia formación artística e técnica.