O Covelo | O Concello de Covelo da un paso máis na recuperación e protección dos edificios e espazos públicos co comezo da obra de rehabilitación exterior da antiga escola San José de Redondo situada na parroquia de Barcia de Mera.
Financiada con fondos propios, a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, o proxecto contempla a mellora das catro fachadas e parte da cuberta cun custo total de 34.038€.
Traballarase na eliminación de filtracións de auga ao interior, na limpeza e restauración das paredes e devolveranse as fachadas ao seu estado orixinal. Ademais, substituirase a carpintería de aluminio actual por unha máis acorde co edificio e coa súa contorna, rehabilitarase a porta principal e substituirase a porta traseira. Por último, procederase á rehabilitación do portal de entrada á parcela e acondicionamento básico da mesma.
O acalde de Covelo, Pablo Castillo, adianta que as obras terán unha duración de dous meses e permitirán non só protexer o patrimonio público se non tamén avanzar na mellora deste espazo polivalente que, con futuras actuacións, poderá albergar distintas iniciativas municipais e veciñais ademais de conservar os usos xa existentes . “Grazas á boa colaboración entre as administracións podemos hoxe comezar unhas obras moi necesarias que devolverán a este fermoso edificio o seu esplendor para perdurar o seu carácter orixinario de servizo e goce da veciñanza de Covelo”.
Pablo Castillo engade que coas obras revitalizarase e darase continuidade ao legado do filántropo e empresario Agapito Serra Fernández que no ano 1929 mandou construír na súa aldea natal esta escola con capacidade para setenta alumnos e casa habitación correspondente para o mestre. Ao seu carón, financiou tamén a construción dunha capela dedicada ao seu santo patrón, San Xosé.
Agapito Serra Fernández
Asentado en Lisboa montou o restaurante A Estrela de Ouro e creou unha fábrica de alimentos co mesmo nome acadando un importante éxito empresarial. En 1907 encargoulle ao arquitecto Norte Júnior edificar unha barriada de casas, que levaría o nome das súas empresas. Estas casas eran alugadas por un módico prezo aos seus traballadores e hoxe constitúen un dos barrios lisboetas máis característicos.
Formado por uns 120 edificios, de dous e tres andares, tiñan acceso directo ao exterior e seguían modelos arquitectónicos de carácter ecléctico. Os edificios destacaban polos paneis de azulexos e os balcóns de ferro forxado.
Foi un destacado membro da colectividade galega asentada en Portugal, directivo de varias sociedades de socorros mutuos e un dos promotores da creación no ano 1931 do Centro Galego de Lisboa. Serra Fernández en sociedade con outros lisboetas, pasou no seu Cinema Royal o primeiro filme sonoro en Portugal.