O Covelo | O Concello de Covelo executará obras de limpeza, ensanche e asfaltado, entre outros traballos a realizar, en Barcia de Mera, Godóns, Piñeiro de Areas e Santa Marina con cargo ao Plan Concellos 22-23 da Deputación de Pontevedra.
Cun investimento de 114.421, 02€ o Concello realizará estas obras no barrio de Os Seixedos e Redondo na parroquia de Barcia de Mera; na rúa Barreiro en A Bugariña na parroquia de Godóns; en Coto Pequeno na parroquia de Piñeiro de Areas e no barrio de Toumilo en Baldomar, parroquia de Santa Marina.
Co obxectivo de mellorar o día a día da cidadanía realizarase unha intervención completa que mellorará as actuais condicións de tránsito ao presentar, na actualidade, moitos baches, tramos de inexistencia de cunetas e pasos estreitos, entre outros factores que dificultan o acceso. Para a execución dos traballos procederase á excavación, desmontaxe de peches e muros para o ensanche dalgúns tramos; limpeza e apertura de cunetas para a mellora da drenaxe; limpeza de caños e arquetas obstruídas; instalación de tubaxes e arquetas novas así como salvacunetas para canalizar as augas; colocación de muros e pavimentación ademais de mellorar a seguridade viaria co pintado de marcas viais e colocación de sinalización onde proceda.
O violonchelista Guillermo Pastrana en Barcia de Mera
O violonchelista Guillermo Pastrana ofreceu un concerto dentro do Ciclo de Música de Barcia de Mera, con motivo do seu decimoquinto aniversario. Discípulo de Ivan Monighetti e Gustav Rivinius, Pastrana é considerado como un dos artistas españois máis influentes da actualidade e interpretou pezas musicais de Johann Sebastian Bach.
Por outra banda, a famosa actríz Vicky Peña elixíu o Ciclo de Música de Barcia de Mera para estrear “Desarraigo”, que será o 15 de xullo a igrexa de San Martiño de Barcia de Mera. Agosto acollerá dous concertos, o de Locus Músicus que traerá sons medievais galaico portugueses e o da Orquestra Sinfónica de Galicia. A programación desta decimoquinta edición péchase o 16 de setembro con Vox Stellae.