O Covelo | O Concello de Covelo informa que vén de solicitar á Deputación de Pontevedra 111.770,85 € para a execución do proxecto “muros de contención e canalizacións de pluviais para a reparación de danos causados por inundacións”.
En concreto, o Concello de Covelo destinará esta subvención á reparación de muros e canalizacións de pluviais na Bugariña. en Carballeda, en Casteláns e en Lourido co obxectivo non só de repor o estado das zonas afectadas, tamén de reforzalas e preparalas para afrontar novas inclemencias climatolóxicas.
Nos primeiros días posteriores ás inundacións, o Concello de Covelo executou con fondos e medios propios distintas intervencións de urxencia en diferentes puntos do concello. Agora investirá 24.154€ na reparación do parque infantil e do torreiro das festas de Lourido que resultaron moi afectados pola auga derrubándose unha boa parte do mesmo.
En Casteláns haberá que executar obras por valor de 27.249€ na mellora do camiño de acceso ao cemiterio parroquial. Na Bugariña levantarase un muro de contención caído, entre outros traballos, cun custo total de 9.731€ e en Carballeda, parroquia de Santiago de Covelo, realizaranse traballos de reposición de tubaxes e conducións de augas orzamentados en 7.705€.
O alcalde, Pablo Castillo, explica que o Concello, consciente da dispersión xeográfica e da nova configuración dos terreos, realiza cada ano investimentos en ferramentas e nova maquinaria para afrontar o mantemento de cunetas, desbroces e camiños municipais pero que cando chegan imprevistos atmosféricos de intensidade superior son insuficientes ao provocar danos de maior envergadura. Por este motivo agradece a colaboración da cidadanía que mantén as súas propiedades e contorna limpas e coidadas xa que así contribúen nun bo aproveitamento dos recursos humanos, materiais e orzamentarios do concello.
Charla sobre a aplicación É-Saúde
Ante o éxito de participación e a boa acollida que están tendo por parte da cidadanía os obradoiros e charlas impartidas polo equipo de profesionais do Centro de Saúde de Covelo, este luns 22 de abril de oito da mañá a dúas da tarde persoal do SERGAS ofreceu asesoramento para relacionarse co Servizo Galego de Saúde (SERGAS) a través da aplicación É-Saúde.
Pedir citas médicas, acceder á historia clínica, consultar tratamentos, obter certificados COVID, descargar e enviar partes de baixa, acceder ás follas do SINTROM ou ter no teléfono móbil a tarxeta sanitaria son algunhas das funcións que ofrece a plataforma É-Saúde. Dun xeito cómodo e doado e dende calquera punto e hora do día podemos acceder aos nosos datos, historial e resolver dúbidas de pautas de tratamento. Persoal do SERGAS estará ao longo da mañá no centro de saúde de Covelo atendendo a todas as persoas que desexen beneficiarse das ventaxas do uso desta plataforma na rede que permitie unha comunicación fluída e accesible dende o ordenador, tablet, teléfono móbil ou calquera outro dispositivo con acceso a internet.
Ademais, o persoal do SERGAS trasladado ese día ao Centro de Saúde de Covelo para informar e formar, ensinará ás persoas interesadas a tramitar a Chave 365 que é o sistema que permite á cidadanía maior de idade e aos/ás menores emancipados/as identificarse e asinar documentos na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico. Con Chave365, a persoa usuaria identifícase co seu NIF e clave persoal e asina electronicamente cun código, único para cada operación, que recibe no seu teléfono móbil.