O Covelo mellora os camiños en Barcia de Mera e Paraños

Cun custe de 93.990€

O Covelo | No marco do Plan de Melloras de Camiños Municipais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) executaranse obras de limpeza, ensanche e asfaltado, entre outros traballos, en Barcia de Mera e Paraños, en Covelo.

Cun orzamento final de 93.990,38€ realizarase unha obra completa que mellorará as actuais condicións de tránsito na Pista das Veigas e Camiño das Rochas, no lugar de Mera que da servizo tamén ao albergue Alen Tea, e no camiño As Searas de Cotarel a Medelas na parroquia de Paraños.

Na actualidade, ámbolos dous camiños presentan moitos baches e zona de rodadura en formigón ou terra, inexistencia de cunetas en moitos tramos e pasos estreitos que dificultan o tránsito dos vehículos.

O Concello informa que para a execución dos traballos realizaranse traballos de excavación, desmontaxe de peches e muros para o ensanche da vía, limpeza e apertura de cunetas para a mellora da drenaxe, limpeza de caños e arquetas obstruídas, instalación de tubaxes e arquetas novas así como salvacunetas para canalizar as augas, colocación de muros de perpiaño de pedra granítica e pavimentación ademais de mellorar a seguridade viaria co pintado de marcas viais e colocación de sinalización de stop onde proceda.

X aniversario do Ciclo de Música de Barcia de Mera
O Ciclo de Música de Barcia de Mera celebra o seu decimoquinto aniversario con novidosas apostas e estreas a nivel nacional.

O vindeiro 29 de abril será o concerto inaugural cos madrileños Trío Domaní que interpretarán un programa clásico con pezas de Mozart e Brahms.

O programa presentado no concello veciño de Mondariz Balneario volverá atraer a centos de apaixoados da música clásica ao Concello de Covelo e posibilitará que gocemos coa música do chelista Guillermo Pastrana o 13 de maio con Johann Sebastian Bach como protagonista. Non faltarán sorpresas e novidades como o concerto espectáculo do 3 de xuño cun dúo de piano e chelo acompañado dunha interpretación poética, “La música en otros cuerpos”.

Estrea
A famosa actríz Vicky Peña elixe o Ciclo de Música de Barcia de Mera para estrear “Desarraigo”. O 15 de xullo a igrexa de San Martiño de Barcia de Mera convertirase no esceario dunha obra de denuncia social na que tomaremos consciencia da situación dos refuxados e dos exiliados. A actríz catalá, preocupada “polo mundo que deixamos” elixe a nosa vila para estrear unha obra cargada de denuncia e de sensibilidade xunto a Orestes Gás.

Agosto acollerá dous concertos, o de Locus Músicus que traerá sons medievais galaico portugueses e o da Orquestra Sinfónica de Galicia o día 26.

A programación desta decimoquinta edición péchase o 16 de setembro con Vox Stellae, que leva acompañando ao Ciclo de Música de Barcia de Mera dende os seus comezos e que este ano cumpren vinte anos dende a súa fundación “e queremos celebralo con eles”, explica Nieves García Sotos.