O Covelo | O concello de Covelo convida a participar na quinta xornada de portas abertas do serradoiro dos Carranos. De xeito excepcional será este sábado día 30 de abril e as persoas interesadas poderán inscribirse nun dos catro pases que se realizarán. Habitualmente as visitas ao Serradoiro prodúcense cada primeiro domingo de mes.
As xornadas de portas abertas no Serradoiro dos Carranos están organizadas polo Concello de Covelo e financiadas pola Deputación de Pontevedra (liña de subvención Plan Concellos) para o ano 2022. Ás visitas guiadas ao serradoiro enmárcanse na programación conxunta de promoción turística e do patrimonio cultural e natural que tamén ofrece as rutas do Museo Pazo da Cruz e as de observación das estrelas da man da Asociación Galega de Astronomía.
A organización ofrece a oportunidade de visitar este espectacular serradoiro nos seguintes tramos horarios: de 10 a 11:30 horas, de 12 a 13:30 horas, de 14 a 15:30 e de 16 a 17:30 horas. As inscricións poderán realizarse a través do número de teléfono 654 500 652. Cada grupo terá un máximo de 25 persoas participantes e recoméndase seguir facendo uso de mascariñas e xel desinfectante ademais de manter a distancia de seguridade polo COVID-19.
O concello de Covelo oferta esta actividade guiada totalmente de balde dentro da programación anual que permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada.
As rutas do Museo Pazo da Cruz
As rutas do Museo Pazo da Cruz son guiadas polo propietario e director do Museo Etnográfico Pazo da Cruz, Maximino Fernández Sendín. Con saída dende a praza Mestre Cerviño na que se explicará a historia e principais características do Cruceiro dos Aflixidos de Cerviño, a continuación visita ó Museo Etnográfico Pazo da Cruz en A Hermida, á Casa Leónides en A Graña, ós Chozos da Serra do Suído e á Capela da Xestosa. O desprazamento realizarase en autobús.
O serradoiro dos Carranos
O Serradoiro dos Carranos utiliza a forza motriz da auga para move-la serra e foi construído aproximadamente no 1922, coincidindo curiosamente coa construción da central hidráulica de Chicoreiras, que producía a luz para o entorno.
A súa construción fíxose en pedra e escavando a rocha do lugar aínda que despois foi reconstruido en ladrillo. O conxunto do serradoiro consta de catro edificacións: o aserradeiro propiamente dito, un sequeiro e almacén de Madeira, unha pequena forxa e un pequeño almacén.
Tamén podemos apreciar un pequeno forno para a queima de residuos e os raís para o transporte de madeira ata o interior do serradoiro.
A dedicación principal deste conxunto era a fabricación de carros, dedicación á que debe o nome o serradoiro e razón pola cal podemos atopar unha forxa, xa que as ferraxes para estes carros tamén se forxaban aquí.A localización do serradoiro tamén ten que ver con esta dedicación xa que se sitúa á beira do camiño empedrado que levaba a Ourense, polo que pasa hoxe en día o sendeiro.
http://www.concellodecovelo.es/carranos/index.html
Observar as estrelas
Para as/os interesadas/os nas experiencias de observación das estrelas en plena natureza, ofrécense saídas dende a Igrexa de San Salvador de Prado para facer parte da Ruta de As Estrelas ata a Serra do Faro na parroquia de San Salvador de Prado, onde se atopa o miradoiro e observatorio astronómico Alto do Castelo, recentemente declarado paraxe Starlight. As e os participantes poderán contar con telescopios adecuados e coas explicacións de técnicos da Asociación Galega de Astronomía.