O Covelo | Fomentar hábitos de vida saudables, pór en valor o seu patrimonio natural e dinamizar o rural son algúns dos obxectivos da oferta de roteiros guiados e interpretados que o Concello de Covelo oferta ao longo do ano dun xeito estable, gratuíto e programado.
Neste 2024 seguiranse programando as xornadas de portas abertas do conxunto Serradoiro dos Carranos que alberga unha aula da natureza e interpretación do patrimonio etnográfico; roteiros guiados polo guía de montaña Julio Eiroa polas nove rutas locais; as visitas do alumnado do CEIP Antonio Rodríguez Blanco enmarcadas no proxecto RíosAldeasMontañas e os encontros de intrepretación astronómica, ademais dos roteiros polas dúas etapas da Vía Mariana ao seu paso por Covelo.
O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, sinala que con estas iniciativas dase a “coñecer o patrimonio natural e tamén histórico achegándose a el con respecto e guiados por profesionais que coñecen a fondo o territorio”.
Na programación que o Concello de Covelo vén de lanzar contémplanse un total de 12 xornadas de portas abertas do Serradoiro dos Carranos, unha por mes agás en marzo, e en decembro que se realizan dúas. Tamén se ofertan actividades de observación do ceo nas catro estacións marcadas para o mes de febreiro, abril, xullo e novembro baixo o título “Ceo de Inverno/Primavera/Verán/Outono. Paraxe Starlight”. Nove citas para camiñar e coñecer os roteiros do Concello e Comunidades de Montes en Man Común e dúas saídas pola Vía Mariana completan a oferta.
Ademais, os escolares participarán nas tres saídas didácticas do proxecto RíosAldeasMontañas que difunde a riqueza medioambiental de Covelo.
A programación estable de roteiros e visitas guiadas finánciase a través de fondos propios no marco do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra e responde á necesidade de difundir a importancia do respecto ao medio natural e de dar a coñecer este amplo patrimonio que en Covelo acada a súa máxima expresión.
Acondicionan a ponte de Tieliñas
O Concello de Covelo informa que nos vindeiros días procederase á reparación e reconstrución dunha parte da ponte Tieliñas ubicada na estrada que une Godóns e San Salvador de Prado.
O arranxo desta histórica ponte danada polas intensas choivas do pasado ano supón un gasto de máis de 18.945€ e para isto realizaranse traballos de desbroce e cantería, entre outros. Este importe súmase aos 111.770,85€ investidos en reparar os danos por temporal en espazos públicos de uso diario nas parroquias de Casteláns, Godóns e Santiago de Covelo.
Con estas obras o Concello procede nos últimos meses a arranxar os danos causados pola climatoloxia adversa do inverno anterior en infraestruturas municipais. “Non só se realizaron traballos de reparación e substitución, tamén se melloraron as condicións anteriores para así evitar futuras incidencias provocadas pola intensidade de auga dos temporais. Nos vindeiros días comezará o arranxo desta fermosa ponte símbolo da riqueza patrimonial do noso concello”, explica o alcalde, Pablo Castillo.
Na parroquia de Casteláns actuose en dous lugares, no torreiro de festas de Lourido e ao carón do cemiterio de A Costa nos que se mellorou a recollida e canalización de augas pluviais, retiráronse pedras caídas polo derrubamento, construíroonse muros de contención de mampostería con pedra granítica, realizáronse traballos de desmonte, cimentacións, condución de augas, colocación de arquetas e instalación de barreiras de seguridade entre outros, cun custo total 59.493€ en Lourido e na Costa de 35.007€.
Na Bugariña, Godóns, investíronse 14.103€ na reparación do talude caído realizando un novo muro de mampostería con canteira de pedra granítica. Tamén se procedeu a unha axeitada canalización das aguas para evitar futuros incidentes.
No barrio de Carballeda, parroquia de Santiago de Covelo, desenvolvéronse traballos de desbroce, retirada de canalización rota e instalación de novos tubos de formigón, arqueta, canalización de augas e talude para contención do camiño cun custo total de 11.168€.