O Covelo | Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez, Andrés Sampedro Fernández e Nuria Grandal Carballo, autores do libro: Paraños, pedestal de Fontefría, editado pola Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía e financiado pola Asociación Cultural e Deportiva Río Xabriña de Paraños, coa participación do Concello de Covelo, presentan o seu libro este sábado, día 27 de novembro, ás 18:00 horas, no Auditorio Municipal de Covelo.
O libro é un estudo pormenorizado, cunha clara orientación divulgativa sobre a xeografía, historia, toponimia, ecoloxía, demografía, etnografía, patrimonio, antropoloxía, a evolución da industria e o comercio, tamén se fai fincapé en diversos aspectos socioculturais propios desta parroquia, entre os que destaca un apartado dedicado á recollida oral de relatos tradicionais.
Ao finalizar, o Concello de Covelo agasallará aos asistentes cuns petiscos e un viño galego; momento no que os autores aproveitarán para asinar exemplares.
Os autores animan á veciñanza a asistir a este acto cultural no que se pon en valor o noso rural, a importancia das parroquias, a nosa tradición e, en definitiva, o noso xeito de ver o mundo.