O Covelo | O Concello de Covelo colabora coa ANPA O Suído do CEIP Antonio Blanco Rodríguez na promoción da lingua galega.
Un ano máis, promoverán entre o alumnado a lectura agasallándolles un libro en galego antes das vacacións de nadal.
Segundo as profesionais do servizo de Atención Temperá en Covelo a lectura na idade infantil de libros acorde a súa idade fortalece o vencello entre adultos e menores sendo aconsellable o acompañamento ata os sete anos; mellora o rendemento intelectual, desenvolve a intelixencia emocional, promove a autoestima e o seu autoconcepto e favorece tamén procesos cognitivos básicos como a atención ou a memoria.
Aprender a pedir citas por e-Saúde
Ante o éxito de participación e a boa acollida que están tendo por parte da cidadanía os obradoiros e charlas impartidas polo equipo de profesionais do Centro de Saúde de Covelo, o vindeiro luns 30 de outubro de oito e cuarto da mañá a dúas e cuarto da tarde persoal do SERGAS ofrecerá asesoramento para relacionarse co Servizo Galego de Saúde (SERGAS) a través da aplicación É-Saúde.
Pedir citas médicas, acceder á historia clínica, consultar tratamentos, obter certificados COVID, descargar e enviar partes de baixa, acceder ás follas do SINTROM ou ter no teléfono móbil a tarxeta sanitaria son algunhas das funcións que ofrece a plataforma É-Saúde.
Dun xeito cómodo e doado e dende calquera punto e hora do día podemos acceder aos nosos datos, historial e resolver dúbidas de pautas de tratamento.
Persoal do SERGAS estará ao longo da mañá no centro de saúde de Covelo atendendo a todas as persoas que desexen beneficiarse das vantaxes do uso desta plataforma na rede que permitie unha comunicación fluída e accesible dende o ordenador, tablet, teléfono móbil ou calquera outro dispositivo con acceso a internet.
Ademais, o persoal do SERGAS trasladado ese día ao Centro de Saúde de Covelo para informar e formar, ensinará ás persoas interesadas a tramitar a Chave 365 que é o sistema que permite á cidadanía maior de idade e aos/ás menores emancipados/as identificarse e asinar documentos na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico. Con Chave365, a persoa usuaria identifícase co seu NIF e clave persoal e asina electronicamente cun código, único para cada operación, que recibe no seu teléfono móbil.