O Covelo | O Concello de Covelo prepárase para recibir á vintena de participantes do curso de formación de formadores no que se analizará o impacto do noso estilo de vida no medio ambiente. Esta iniciativa está organizada pola asociación Covelonatural, co apoio da ANE (Agencia Nacional Española), e cofinanciado polo programa ERASMUS+ da Comisión Europea.
Formadoras e formadores de oito países distintos coñecerán o noso patrimonio cultural e natural e aprenderán novos recursos cos que acadar unha vida máis sostible.
O albergue Alén Tea da parroquia de Barcia de Mera será o epicentro deste multicultural grupo que ao longo desta semana procurará aprender para logo ensinar e transmitir valores e hábitos máis sustentables.
“Musigal” con Milladoiro
O programa provincial Musigal, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia, chega este martes, 25 de xullo, Día de Galicia, ao Concello de Covelo co recoñecido grupo Milladoiro. O concerto terá lugar no Campo da Feira da vila ás 17:30 horas.
Nesta nova xira 2023, Milladoiro, que acumula unha extensa traxectoria de máis de 40 anos, está a facer un percorrido polos seus temas máis emblemáticos, así como os pertencentes aos traballos máis recentes. “Seguimos –aseguran os seus integrantes- á procura da beleza e da harmonía nunha singradura que ten a Galicia como epicentro dunha longa espiral sen fronteiras, e que agarda e demanda de cada un de nós que esteamos sempre á altura do seu horizonte de mar, ceo e terra”.
Milladoiro está considerado como un dos grupos de música folk máis valorados e tamén un dos principais embaixadores da música galega polo mundo. Ten realizado durante anos un arduo labor de recuperación da musical galega tradicional empregando, ademais, instrumentos locais como a gaita galega, a irlandesa, a arpa celta, a pandeireta, a zanfona xunto a outros máis universais como o clarinete, a frauta transversa ou o violín. Entre os galardóns que acumula o grupo está o Goya á mellor música orixinal pola banda sonora da película La mitad del cielo, así como a Medalla Castelao (2004) ou a Medalla de Oro de Galicia (2012).