O Covelo | O Concello de Covelo presenta aos fondos PON2030 da Deputación de Pontevedra o acondicionamento da planta baixa do recinto polideportivo do pavillón municipal para convertelo nun ximnasio e crear, ademais, salas de usos múltiples.
O alcalde, Pablo Castillo, quere dar resposta á alta demanda de espazos cubertos para a práctica deportiva e a realización de encontros e actividades ao quedarse pequenas as salas das casas e centros culturais.
Na actualidade esta zona do andar baixo do complexo deportivo non conta con acceso directo desde a rúa nin con abastecemento nin saneameno, para solventalo o proxecto contempla dous novos accesos nos dous laterais e a conexión ás redes municipais de subministros. O baixo conta con paredes de bloques de formigón sen revestir, sen soleira e a luz natural entra por varios ocos protexidos con placas translúcidas de polietileno, motivo polo que é imprescindible acometer unha obra integral de reforma e illamento.
A rehabilitación terá como obxectivo a creación dun recinto para uso deportivo e de lecer, dedicado tanto a nenos, xente nova, adultos e persoas de idade avanzada para que dispoñan dun lugar axeitado para a realización de actividades deportivas moi demandadas nos últimos anos e que debido á falta de instalacións non se poden realizar coas condicións de confortabilidade adecuadas.
Co obxectivo de promover as actividades físicas e o deporte, o Concello de Covelo actuará en 283 m². Proponse unha sala polivalente para usos variados, baile, relaxación, lecer, realización de xuntanzas culturais, dinamización social, etc de superficie 85,58 m²; outra sala de 97 m2 para un ximnasio con máquinas e diverso material para a o exercizo físico e 3 aseos, un para homes, outro para mulleres e outro para persoas con mobilidade reducida.
“Na actualidade hai unha tendencia cada vez maior a organizar e participar en todo tipo de actividades, o actual pavillón ten todos os horarios cubertos e existe unha importante necesidade de ter un espazo pechado no que realizar exercizo físico con dispoñibilidade de máquinas e accesorios deportivos que posibiliten, non só o uso, tamén recibir clases atendidas por profesionais”, explica o alcalde.