O Covelo | O Concello de Covelo, dentro do seu plan de recuperación de fontes públicas, procedeu á rehabilitación da fonte de Barreiro na parroquia de Santa Marina.
O persoal municipal realizou tarefas de limpeza, saneamento do manancial, acondicionamento da pía e recollidas de auga ademais de cambios de tubaxes e colocación dunha billa, entre outros traballos. Tamén se acondicionou o acceso á fonte, o canal de rego e o lavadoiro.
“As fontes públicas non só son un servizo útil e básico tamén forman parte da historia dos nosos barrios por iso ao longo deste último ano procedemos á reparación de tres fontes públicas e proseguiremos para que todas estean en condicións óptimas”, explica o alcalde, Pablo Castillo.
O Concello de Covelo encargará tamén a análise de mostras de auga ao longo do ano para ter o maior control posible da calidade da auga.
Limpeza e desbroce no Plan Concellos
O Concello de Covelo realiza tarefas de limpeza e desbroce nos núcleos residencias das parroquias grazas ao apoio do persoal contratado con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Un total de catorce persoas reforzan o traballo diario do persoal municipal desempeñando as súas funcións nos departamentos de administración; mantemento de camiños, estradas e espazo público; recollida de lixo e limpeza de instalacións municipais. Para isto o Concello destinou un total de 107.026,73€.
Deste xeito, nestes seis meses un auxiliar administrativo, nove peóns forestais, dous condutores de camión do lixo e dous peóns de limpeza contribúen a unha mellora dos servizos prestados polo Concello.
Nestas datas nas que a natureza está máis frondosa o Concello centra os esforzos dos peóns forestais na limpeza de camiños públicos, estradas, prazas e zonas de convivencia.
O alcalde, Pablo Castillo, agradece o traballo do persoal municipal, incluído o das novas incorporacións, sen o que non sería posible o desenvolvemento diario dun concello e salienta a capacidade duns e doutros para traballar en equipo. Agradece tamén, a colaboración da veciñanza que coida da súa contorna sendo exemplo de civismo e boa convivencia.
Festival de verán do Club Covelo Patinaxe Artística
O Club Covelo Patinaxe Artística convida a toda a cidadanía ao seu festival de verán este domingo día 18 ás 19 horas no pavillón municipal. Organizado en colaboración co Concello de Covelo a entrada será libre para que todas as persoas poidan gozar deste espectáculo deportivo no que as e os patinadores do Club amosarán as habilidades adquiridas ao longo do curso.