O Covelo | O Concello de Covelo súmase á iniciativa de Restauración da Memoria Lingüística de Galicia en Galego da man do seu prezado veciño, Domingo Lorenzo Vello. Coñecido como “Mingos” foi gaiteiro e fundador do afamado orfeón “Treixadura” espallando a lingua galega a través das súas cancións.
O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, convida a toda a cidadanía a participar no acto de recoñecemento da figura de Mingos e de restauración da memoria lingüística do Concello de Covelo que terá lugar o vindeiro día 11 de novembro ás 13 horas no cemiterio de Barcia de Mera.
Durante o acto colocarase unha lápida en galego no recordo de Mingos, promotor do uso da lingua galega, difundindo o folclore popular e levando o nome da súa vila e de Galicia alí onde actuou. Ademais, colocarase unha lápida máis que amosará o fondo agradecemento a todas as persoas que xacen nese camposanto “porque grazas a elas e eles Galicia segue a ter a lingua e cultura de seu”.
Baixo a campaña “En galego agora e sempre” a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG), Galeguizargaliza (grupo de asociacións que comparten un mesmo obxectivo: dinamizar a cultura galega e normalizar o uso da nosa lingua en distintos ámbitos da vida social, cultural, económica e administrativa), a Xunta de Galicia e o Concello de Covelo queren facer pedagoxía sobre a incoherencia de soterrar aos seres queridos con lápidas escritas nun idioma diferente ao que falaban en vida.
“O noso veciño de Barcia de Mera, Mingos, decidíu ao longo da súa vida chegar ás persoas a través da música, do canto e do galego, motivo polo que coidamos que era a figura coa que debíamos dar o primeiro paso”, explica Pablo Castillo.
Mingos Lorenzo formaba parte dese grupo de artistas que empezaron facendo música popular nas tascas e lograron colocala onde merecía. Compoñente do grupo A Roda, con quen compartiu o gusto polo canto popular, pasou de gaiteiro a converterse no ano 1990 en membro fundador do Orfeón Treixadura.