O Covelo | Vintecinco veciñas/os xa teñen o seu composteiro e pasan, así, a sumar e formar parte do cambio necesario e dun futuro sostible no que coidar do medio natural é un hábito obrigado.
O concello de Covelo entregou onte os 25 composteiros grazas á colaboración que, dende hai cinco anos, mantén coa Sociedade Galega de Medio Ambiente.
Conscientes da importancia de promover hábitos de vida sustentables e respectuosos co medio ambiente o acto de entrega de composteiros completouse cun curso para un uso eficiente e eficaz destes contedores nos que obter un compost da mellor calidade.
Tamén se fixo entrega dun manual informativo. “Todos e todas sumamos, todas as persoas poden aportar e cada xesto sustentable e cívico contribúe a unha mellora do noso día a día”, explica o alcalde Pablo Castillo. “Os nosos antergos xa viñan practicando a compostaxe, sen darlle ese nome, que é un hábito moi cotidiá no rural pero cremos fundamental insistir na concienciación e tamén facilitando novas ferramentas e formación para que o resultado sexa o máis óptimo”.
Estes 25 composteiros súmanse aos 100 entregados en anteriores campañas. Concienciar para o respecto e a posta en valor do medio ambiente é un dos eixos da estratexia de desenvolvemento sostible que o goberno de Covelo desenvolve co firme propósito de ofrecer calidade de vida a súa veciñanza.
En liña cos compromisos adquiridos no Pacto das Alcaldías e en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS Axenda 2030) o goberno local traballa para conservar o seu ben máis prezado, a natureza.