Vigo | O 75 aniversario do Consorcio da Zona Franca de Vigo protagoniza o cupón da ONCE do luns, 31 de outubro. Cinco millóns de cupóns difundirán esta efeméride. Manuel Martínez Pan, delegado territorial da ONCE en Galicia; David Regades, delegado do Estado na Zona Franca; Roberto Gaspar, director da ONCE en Vigo; e Abel Caballero, alcalde de Vigo, presentaron este cupón.
David Regades agradeceu a colaboración da ONCE no 75 aniversario de Zona Franca e asegurou que “moitos traballadores formados por esta organización están a traballar en empresas instaladas en parques de Zona Franca e iso é fundamental, porque o é a inclusión de todos os que compoñemos a sociedade”.
Avanzou ademais que “este cupón será o inicio de colaboracións coa ONCE”. Manuel Martínez Pan explicou que “o próximo 31 de outubro haberá 5 millóns de imaxes de Zona Franca que percorrerán toda a xeografía do noso territorio”, ademais de que “máis de 19.000 persoas con discapacidade, vendedores e vendedoras da ONCE, levarán á beira do corazón o cupón compartindo esta efeméride”.
O delegado da ONCE en Galicia subliñou que para a súa organización “o grupo social é determinante e o mellor servizo que pode prestar é a xeración de emprego e riqueza. Por iso con este cupón temos tanto que celebrar, porque nos nosos 84 anos loitamos pola inclusión laboral das persoas con discapacidade e transformamos a solidariedade en oportunidades de vida para persoas con discapacidade”.
Abel Caballero destacou que “é unha efeméride moi importante para a Zona Franca” e salientou “a idea de levar a imaxe de Vigo e de Zona Franca por toda España”, así como “o labor social da ONCE, que é un modelo”. Engadiu que “temos que virar a sociedade e dar un paso para incorporar valores sociais que permitan que a diversidade atope o seu espazo”.
O Cupón Diario da ONCE pon en xogo un premio de 500.000 euros ao número máis a serie, e 49 premios de 35.000 euros ás cinco cifras do número premiado.
Ademais: 450 premios de 250 euros ás catro primeiras cifras e outros 450 premios ás catro últimas; 9.000 premios de 25 euros no caso de tres últimas ou tres primeiras; e o mesmo para as dúas primeiras e últimas (6 euros), e reintegro de 2 euros á primeira ou a última cifra do número premiado.
Os cupóns da ONCE comercialízanse polos máis de 19.000 vendedores e vendedoras da Organización. Ademais, pódense adquirir desde www.juegosonce.es, e en establecementos colaboradores autorizados.